Duvi/ Resultado da progresiva adaptación ao Espazo Europeo da Educación Superior, o vindeiro curso as clases na Universidade de Vigo comezarán máis cedo ca nunca. O alumnado volverá ás aulas o vindeiro 5 de setembro e tanto clases como exames daranse por finalizados o 2 de xuño de 2012, establecéndose como data límite de entrega de actas o 22 de xuño. É unha das principais novidades do calendario dun curso que se caracterizará, entre outros aspectos, por ser o primeiro no que se produza a supresión definitiva en todas as titulacións do que eran os exames de setembro, que o vindeiro curso se celebrarán entre o luns 2 e o sábado 14 de xullo.
O calendario, aprobado este venres en sesión ordinaria do Consello de Goberno, divídese en dous cuadrimestres “plenamente equilibrados”, como subliñou a secretaria xeral, Inmaculada Valeije, de 18 semanas cada un deles, o que supón 85 días hábiles, excluídos sábados e períodos de vacacións. O primeiro período abarcará do 5 de setembro ata o 21 de xaneiro, reservando para exames dende o día 10, xusto á volta do Nadal ata o 21 dese mesmo mes, e o segundo, do 23 de xaneiro ao 2 de xuño, suspendéndose as clases o 21 de maio para a realización das probas de avaliación.
Só o Centro Universitario da Defensa Escola Naval Militar de Marín, onde se imparte o Grao en Enxeñaría Mecánica, disporá dun calendario diferente. Neste caso toda a docencia académica, universitaria e militar ha de impartirse en 35 semanas, incluíndo clases e exames, ao que hai que engadir seis semanas de instrución e adestramento. A diferenza tamén dos outros centros da Universidade, o CUD terá dous cuadrimestres asimétricos, o que permitirá a realización dos exames do primeiro cuadrimestre antes do Nadal, unha particularidade que non supón maior carga de traballo para o alumno, senón que simplemente cursará menos materias en menos tempo.