Súbete ao Oriente Exprés e fai un percorrido por China e Xapón sen ter que saír da cidade. Unha viaxe pola gastronomía e a medicina tradicional destes países, onde contemplar a súa paisaxe cultural e artística, achegarse a dúas civilizacións sen as que non se podería entender o tempo que foi e o que virá.
Iso é o que pretende ser o segundo ciclo de conferencias Oriente Exprés, que se celebrará na Escola Oficial de Idiomas do 27 ao 29 de abril. A inauguración oficial farase con dúas exposicións de Nadine Bonamie e Roi Verela, que dará paso a unha velada na que se charlará sobre a gastronomía destes dous países. Mentres, durante a segunda xornada o tema central serán os xaponismos en occidente e traballar e vivir en Chine, para rematar o último día con relatorios sobre a medicina tradicional chinesa, ikebana e música xaponesa e un concerto de koto, a arpa xaponesa, a cargo de Yoshie Sasaki.
Dous mundo moi distantes
Xapón está hoxe na boca de todo o mundo polos tráxicos acontecementos do último mes, uns acontecementos que poden tirar por terra o traballo dun país que en pouco máis dun século pasou dun completo illamento a converterse nun dos países máis abertos do mundo globalizado, e todo, sen perder ese aire inequivocamente xaponés que respira a súa refinada cultura.
A súa beira China pasou dunha economía centralizada a unha de mercado, volvendo ser a potencia mundial que xa foi durante milenios, cando a descoñecida ‘Terra do centro’ desataba a imaxinación e a cobiza dos europeos á percura da seda e especias.
Que gocen da viaxe.