Galicia

Xa lle podes dar á lingua

Se tes máis de 16 anos, falas galego e queres un título que o certifique, o exame do Celga está esperando. A Xunta vén de abrir o prazo de inscrición para as probas de certigicación de lingua galega que terán lugar no mes de xuño tanto en Galicia como no resto de España, en Europa e en América. Adaptado ao marco europeo, o Celga recolle habilidades comunicativas de distintos niveis. O ano pasado máis de 4.100 persoas se presentaron aos exames.

Os interesados poden matricularse ata o vindeiro 29 de abril, mentres que as probas se celebrarán as dúas últimas semanas de xuño. Ademais de nas cinco cidades máis importantes de Galicia, haberá exames en Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Ponferrada, Salamanca, Vitoria e Alacante. Mentres, en Europa, está previsto que as persoas interesadas se poidan presentar aos exames Celga en Berlín, Heidelberg, Kiel, Tubinga e Leipzig (Alemaña); París (Francia); Cork (Irlanda); Padua e Roma (Italia), Varsovia (Polonia); Braga, Faro e Lisboa (Portugal); Bangor, Birmingham e Oxford (Reino Unido) e Zadar (Croacia).

Por outra banda, a segunda convocatoria de probas deste ano terá lugar en América no mes de outubro e os interesados en presentarse a esta convocatoria poderán inscribirse ata o 30 de xuño. Segundo os niveis, os exames realizaranse os días 6, para o Celga 2 e 4, e o día 7, para o Celga 1 e 3. Os lugares nos que está previsto que se leven a cabo as probas son Bos Aires (Arxentina); Río de Xaneiro, Salvador de Baía, São Paulo (Brasil) e Santiago de Chile (Chile).

También te puede interesar