Duvi/ Un estudo da Universidade Complutense realizado entre 1.200 alumnos e alumnas amosa que, fronte ao 30% que aspira a ser funcionario, tan só un 8% se mostra interesado polo mundo empresarial. Esta é unha mostra da falta de cultura emprendedora da que adoece España, un reto de país para que no futuro a creación de empresas innovadoras se converta nun piar básico na saír da crise.
Para fomentar esta cultura empresarial entre os mozos requírese un esforzo tanto das universidades como das administracións públicas e das entidades financeiras, unha coalición que se exemplifica no Programa Ideas Emprendedoras con Valor que, organizado pola Universidade e BIC-Galicia, se inaugurou este luns nos campus de Vigo. Ao abeiro da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores, este seminario permitirá achegar ao alumnado as nocións básicas para poder non só identificar unha idea potencial, senón tamén para avaliala, poñela en marcha e tamén dala a coñecer.
A alianza estratéxica con IGAPE, BIC-Galicia e Bancaja permitirá ademais mellorar a atención aos novos emprendedores, uns mozos e mozas “que deberán pilotar unha época de cambios constantes como esta na que se lles esixirá non só ter ideas con valor, senón ser innovadores, creativos e ir un paso por diante das cousas”, en palabras Juan Miguel Larrea, de Bancaja.
Por que facelo
Son moitas escusas que se esgrimen para non emprender, pero moitas delas “caen polo seu propio peso”. Ese foi o argumentario de Iago Soto, titulado en Enxeñaría de Telecomunicación e socio fundador de QUOBIS, na lección inaugural do seminario. Falta de cartos, de tempo, de apoio na contorna ou de contactos son argumentos habituais nunha sociedade na que ser empresario non está prestixiado como ocorre en outros países.
O éxito de Soto non lle chegou co primeiro intento, foi tras dous anos con catro experiencias empresariais fallidas, pero a perseverancia conta e os erros tamén achegan experiencia. Agora, tras case cinco anos ao fronte de QUOBIS, bota a vista atrás e analiza as moitas barreiras que se tiraron neste tempo e que lle permitiron asentarse con éxito no mercado.
O primeiro dos mitos en caer é o do financiamento, xa que existen diversas alternativas para acadar os cartos para montar unha empresa, entre elas e sobre todo antes da crise, as entidades financeiras, pero tamén o IGAPE e as asociacións de novos empresarios. Con todo, Soto recoñece que a falta de cultura emprendedora en España tamén desmotiva aos mozos, “as familias prefiren que os seus fillos traballen nunha gran corporación” e a falta dunha contorna relacionada co mundo da empresa fai tamén que se comece sen contactos, pero estes fanse co tempo e as asociacións de novos empresarios e as redes sociais xogan un papel moi importante.
Outro dos mitos desmontados é o da falta de cualificación. Neste sentido, Iago Soto explicou que fronte aos tan prestixiados MBA, os emprendedores teñen o máster da experiencia real, aquel que lles permite aprender de erros e buscar o camiño correcto, “pérdense os medos e supéranse barreiras, pero tamén podemos contar co apoio de consultores experimentados que axudan nos comezos a través, por exemplo de BIC Galicia”. Finalmente, no referente á falta de tempo explicou que “rende moito máis traballando por conta propia que allea; a dedicación é determinante e a falta de tempo unha escusa”.