Irá como número 2 na candidatura do Partido Popular en Redondela, que lidera Javier Bas e que presentan mañá nun acto aberto a toda a cidadanía (20:30 horas) na praza da Casa da Torre. O concelleiro Miguel Ángel Álvarez, un veciño de Chapela de 47 anos, continuará na corporación municipal de Redondela cos populares, unha decisión “precisa e acertada”, según comenta o candidato do PP redondelán.
Redondelán de nacemento, casado e con dous fillos, Álvarez defínese como unha persoa moi partidaria e defensora do asociacionismo “como vehículo de convivencia, relación social e traballo en grupo”. Por iso con 17 anos xa se fixo cargo do Club Juvenil Parroquial Altamar de Chapela, contribuíu á fundación da Asociación de Actividades Culturales y Familiares ANCORA, foi secretario da Sociedade Deportiva Chapela de Fútbol e Balonmán, así como tamén da Asociación de Veciños de Chapela e da Asociación Cultural e Deportiva Cidadelle, onde é a día de hoxe vocal da Xunta Directiva. Ademais, tamén estivo representando ao fútbol de Chapela nos consellos parroquiais, deporte, xunto co balonmán, que practicou de mozo en diferentes equipos do municipio.
No ámbito laboral destaca a súa predisposición e iniciativa. Tras realizar os estudos de FP1 e FP2 en Técnico Especialista en Máquinas e Ferramentas, incorporouse rapidamente ao mundo laboral. Ao longo de 8 anos traballando na empresa Fundiyacto (actualmente Visteon) participou activamente ata o punto de ser o delegado sindical. Dende o ano 1994 e ata a actualidade Álvarez traballa como autónomo comercial no ramo dos seguros.