Chega antes da hora, non moito. Ven acompañado só polo responsable de prensa da campaña do BNG en Vigo. Nin rastro da barba de hai uns anos e tampouco da estética do BNG, agora vai sempre de traxe e garabata. Os saúdos son rápidos. Nada de marxe para os comentarios preliminares: directamente á sala e directamente ás preguntas. Recibimos nunha semán preto de 400 que quedan reducidas ás 50 máis repetidas. Pedimoslle concreción e non hai que repetilo.
Vigo al Minuto.- Se tivese que salientar tres logros da súa xestión estos catro anos, cales serían?
Santiago Domínguez.- En primeiro lugar recuperación e dinamización do Casco Vello, que permitiu a rexeneración dunha parte emblemática da cidade e do seu patrimonio histórico; as accións en benestar, salientando ás axudas ás familias máis desfavorecidas e que máis sufriron esta crise, e a recuperación da igualdade no ámbito de todo o Concello.
VAM.- Como xustifica ter cedido tantas veces ante Abel Caballero?
S.D.- Santi Domínguez nunca tivo un pacto nen co PSOE nen con Abel Caballero, o meu pacto, e o do BNG, foi coa cidadanía e, nese senso non cedimos nunca na procura de solucións e alternativas para os seus problemas.
VAM.- Cre que algún pensa xa que hai un único goberno local e non dous?
S.D.- Sí, a cidadanía. Os veciños saben que hai un goberno cohesionado que traballa en conxunto en base a uns obxectivos en base a un pacto de goberno e que conqueriu logros tan importantes coma aprobar catro orzamentos consecutivos, algo que non fixera ningún outro ate o de agora.
VAM.- Que parte do pacto de goberno asinado co PSOE hai catro anos está cumplido?
S.D.- Eu diría que o noventa por cento.
VAM.- Quen fixo a lista do BNG de Vigo para as Municipais?
S.D.- A fixeron as e os militantes do BNG… eu dou, lóxicamente a miña visión tendo en conta a formación dun equipo que ten que traballar en conxunto e as personas máis idóneas para facer ese traballo… ao final é a asamblea local e o consello local os que deciden a composición da lista.
VAM.- Se se reedita o goberno de coalición, será sobre as mesmas bases?
S.D.- Eu non vou falar de novos gobernos ou de novos pactos mentres a cidadanía non se defina, sempre o fixemos así. O 22 de maio, cando a cidadanía marque o que ela quere, falaremos.
“O PACTO DE GOBERNO ESTÁ CUMPRIDO AO 90%”
VAM.-Que propostas ten para reducir o paro?
S.D.- En primeiro lugar hai que decir que as competencias en emprego e en materia económica as teñen, fundamentalmente a Xunta e o Goberno do Estado, e deberían facer unha política realmente de esquerdas que faga que aumente o emprego e que os nosos sectores básicos productivos estén moito máis atendidos. Ese vai a ser o noso eixo principal e dentro dos recursos e competencias do Concello a nosa gran proposta e vertebrar todas esas medidas para desenrolar dúas accións básicas: primeiro, o mantemento e xeración de emprego na nosa cidade e, en segundo lugar, que a administración viguesa sexa un parapeto diante da crise social para protexer aos traballadores e traballadoras diante da crise.
VAM.- Que lle parece a proposta do PP, feita polo presidente da Xunta, para crear máis postos de traballo de aprobar plans locais de emprego?
S.D.- O PP e o goberno da Xunta non fixeron absolutamente nada na nosa cidade e no seu entorno, nen unha soa medida para crear emprego. O presidente Feijóo dedicouse estes dous anos a botarlle a culpa a outros e quere volver a eludir a súa responsabilidade e pasarlla aos concellos en lugar de tomar medidas claras para que Galicia non estea abandeirando a destrucción de emprego no Estado.
VAM.- Cales son as liñas mestras do seu programa?
S.D.- Fundamentalmente vertebrar cada uns dos recursos e competencias que teñamos en loitar contra a crise e, coma teño anunciado, ao día seguinte de ser alcalde vou a reunir aos técnicos municipais que traballan no sector económico e de participación cidadá e emprego e encargarlles inmediatamente unha folla de ruta e un plan para que todos estos recursos estean ao servizo deste fin.
VAM.- Por qué non houbo nunca un intento de chegar a acordos coa oposición sobre temas básicos para a cidade?
S.D.- Sempre houbo… e coma xa dixen noutras ocasións, Santi Domínguez foi o único dos tres candidatos que propuxo quitar da batalla electoral os temas clave para a cidade e, ate o dagora, non tiven ningunha resposta. A oposición leva catro anos sen querer falar de chegar a algún acordo e o Partido Popular só puxo atrancos ao avance desta cidade.
VAM.- Que lle parece que o alcalde regale coxíns e axendas?
S.D.- Bueno, o alcalde ten dentro dos seus programas unhas partidas que gasta coma cree convinte… pero eu non o faría.
VAM.- Que foi da marca Concello de Vigo? Por qué hai Alcaldía e Tenencia de Alcaldía?
S.D.- Eu creo que desto se ten falado, pero á cidadanía é o que menos lle importa… o que queren os veciños é que se fagan cousas, que esta cidade se transforme, que avance, eso é o importante, o outro son cousas estériles sen importancia para a cidade.
VAM.- Está dacordo co Proxecto Moneo?
S.D.- Non. Así o dixen… non en todo, hai cousas que me parecen axeitadas pero, tamén o dixen, nestos momentos non está a cidadanía para falar de grandes proxectos senon para que atendamos as súas necesidades.
VAM.- E co Plan Nouvel?
S.D.- Tampouco, tamén o dixen… a Ría o que menos necesita son proxectos de mausoleos, senon un saneamento integral para manter a súa riqueza e un plan de desenrolo do Porto de Vigo que racionalice os usos portuarios.
VAM.- Quen dirixe o gobierno local?
S.D.- Os 15 concelleiros e concelleiras que formamos parte del.
VAM.- E qué pinta nel o alcalde?
S.D.- É a persona que coordina e vertebra este goberno local.
VAM.- É verdade que houbo unha negociación coa empresa empresa Zinnia para a compra dos terreos da pinacoteca por 1,8 millones antes de tasar os mesmos?
S.D.- Non, non teño noticia deso.
“NON ESTOU DACORDO NEN CO PLAN MONEO NEN CO PLAN NOUVEL, XA O DIXEN, NON CREO QUE SEA ÉPOCA PARA PROXECTOS DE MAUSOLEOS”
VAM.- Para qué serviu a candidatura da Universiada? Qué quedou para a cidade?
S.D.- Falando de números, gastouse un millón de euros e o retorno para Vigo foi de 4 millóns traendo o Foro Mundial, con 76 países representados, traer o Campionato Mundial de Taekwondo, con casi 1.000 deportistas na nosa cidade e, se temos que cuantificar a promoción de Vigo en todo o mundo serían moito máis deses 4 millóns de euros.
VAM.-Por qué ten tantos asesores?
S.D.-Non, non os teño… teño un asesor de comercio e turismo e logo un xefe de gabinete que coordina todas as áreas do BNG, ademáis dos administrativos de calquera departamento.
VAM.- Non lle parece razoable que Corina Porro quiera debatir so con un de vostedes posto que volverán a coaligarse?
S.D.-Paréceme que eso é falsear a realidade…, o goberno bipartito non se presenta ás eleccións, senon forzas políticas. Hai catro anos a señora Porro participou en 15 debates conmigo e con Abel Caballero e lémbrolle a Corina que naquel momento era ela a que pedía debates a catro, incluindo a Soto… non vexo que cambiou… salvo que teña medo de debatir, porque o fixo hai catro anos e a cidadanía mandouna á oposición e de non ter alternativas para esta cidade… unha persona que aspira a ser alcaldesa desta cidade estivo estes catro anos calada, absolutamente calada, nos temas importantes para Vigo. Non escoitei a Corina decir nada sobre as caixas, o AVE, Área Metropolitana, a Lei de Familia da Xunta que vai mandar ás mulleres para as súas casas, non a estoi escoitando dos recortes sociais que o goberno da Xunta está a impor na nosa cidade… pode que por iso non quera falar.
VAM.-Se non hai acordo co PSOE o 22-M plantéxase non entrar no gobierno local?
S.D.-Vamos a ver, repito, esperaremos ao que diga a cidadanía o 22 de maio e, ao marxe do que pase, seguiremos traballando dende a transparencia, o diálogo e a honradez.
VAM.-Que lle parece el programa de Televigo ‘Diálogos con el alcalde’?
S.D.- Repito que cada quen pode utilizar os medios que considere oportunos para transmitir a súa mensaxe… a min gústame máis o contacto na rúa e non só a través dunha cámara.
VAM.- Para optar a un emprego pídenme que fale inglés ou francés. Vostede é concelleiro de Turismo, qué idiomas fala?
S.D.- Eu falo galego, castelán e inglés. E creo que, ademáis de pedir inglés e francés temos que asumir, o que non fan outras forzas políticas, que o galego está sendo importante á hora de atopar emprego, por exemplo para o acceso a un posto público.
VAM.- Debería gobernar a lista máis votada?
S.D.- Eu creo que non, debería goberna quen deciden os cidadáns. Eu sempre digo o mesmo, cando hai catro anos o PP se presentou sabía moi ben, e a cidadanía sabía moi ben, que a única maneira de que o Partido Popular gobernase nesta cidade era conquerindo a maioría absoluta. E eso o sabía a cidadanía coma o sabe agora, eso significa que si non obtén a maioría absoluta é porque os veciños non queren que goberne o Partido Popular.
VAM.- É vostede o responsable de Comercio no Concello: qué propostas ten para o pequeno comercio?
S.D.- En primeiro lugar afondar o que se fixo nestes catro anos seguindo coas medidas de apoio aos pequenos comerciantes… por primeira vez Vigo tivo un cencelleiro que escoitou os seus problemas e tomou medidas. Así que o primeiro será a modernización, medidas de protección do pequeno e mediano comercio que é eleborar un regulamento claro para esta cidade para permitir e reglar a instalación de grandes superficies na cidade, e un último é promover a formación e mellorar a comunicación coa cidadanía.
“NON DEBERÍA GOBERNAR A LISTA MÁIS VOTADA, O PP E OS CIDADÁNS SABEN QUE O PARTIDO POPULAR NIN GOBERNARÁ SE NON ACADA A MAIORÍA ABSOLUTA E SE NON A ACADA É PORQUE OS VECIÑOS NON QUEREN QUE GOBERNE”
VAM.-En qué partidas reduciría gastos no Concello?
S.D.- En todas e cada unha menos benestar social e na loita para a formación e emprego.
VAM.- En qué tería investido os cartos do Plan E?
S.D.- Bueno, eu creo que a gran parte dos investimentos estivo moi ben e por elo seguiría investindo en cultura, na recuperación do patrimonio histórico, en eliminación de barreiras arquitectónicas e nas humanizacións, coma se fixo… tamén en deportes, pero si tivese máis orzamento do que tivemos incidiría en aquello que teña que ver cos servizos públicos.
VAM.- Que opina do que fixo o a alcalde no antiguo despacho da Alcaldía no Rectorado?
S.D.- O BNG nunca vai a entrar nunha campaña deste tipo, e xa o dixemos… nos queremos que todos os nosos esforzos nesta campaña vaian a presentar as nosas propostas e a rendir contas do que fixemos, polo tanto non entraremos nesas loitas. Pero tamén hai que decir que o Partido Popular non pode queixarse de que as campañas se leven desta maneira porque a primeira forza política que empezou con este tipo de campaña…so hai que lembrar o que fixeron hai dous anos.
“RECORTARÍA GASTOS EN TODAS AS PARTIDAS MUNICIPAIS, AGÁS EN BENESTAR, FORMACIÓN E O EMPREGO”
VAM.- O terceiro problema dos cidadáns son os políticos?
S.D.- Eu creo que se o dicen… que facerlles caso, pero eu teño claro que non todos os políticos somos iguais e non todas as forzas políticas somos iguais. Eu non me dou por aludido cando os cidadáns din que todos os políticos van ao seu ou van a lucrarse… levo moitos anos na política municipal dende a honradez dende sempre.
VAM.- Chegará o AVE a Vigo en 2015?
S.D.- Non, craro que non. Hai pouco aínda autorizouse a licitación, que non é nen a licitación mesma… ogallá que chegue a Galicia en 2015… o necesario, e eso é o que pedimos, é unha concreción de prazos, unha comisión de seguimento formada por todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia e que se fixen prazos claros. Eu creo que á cidadanía dalle igual que chegue en 2015 ou 2016, pero o que non pode ser é que veñan ministros e presidentes en campaña electoral a facer a mesma promesa.
VAM.- Que marxe de autonomía teñen o concelleiros do Goberno local?
S.D:– Os do BNG toda a autonomía do mundo, contando sempre cunha coordinación ncesaria para facer mellor o traballo.
VAM.- Que sería un mal resultado para o BNG o día 22 de maio?
S.D.- Queremos recuperar a Alcaldía…
VAM.- Pero terán sondeos, que din eses sondeos?
S.D.– Que o BNG está el alza.
“O AVE NON CHEGARÁ A VIGO EN 2015, VEREMOS SE CHEGA A GALICIA (…) O QUE NECESITAMOS E UN COMPROMISO CON PRAZOS SERIOS QUE SEXAN SEGUIDOS POLAS FORZAS POLÍTICAS GALEGAS”
VAM.- Haberá un albergue? Onde?
S.D.- Xa o hai, na Gota de Leite. Deixouno feito o anterior goberno da Xunta.
VAM.- Pero está dacordo noutras alternativas coma o centro Carmen Avendaño ou a Escola de Hostelería?
S.D.- O BNG nunca porá obstáculos para que Vigo teña un albergue que entendemos e sabemos que é necesario… non faremos o que fixeron outros.
VAM.- Que solución plantexa aos veciños de Teis afectados polo AVE?
S.D.- A solución está en mans do Ministerio de Fomento que debería tomarse en serio esta situación na que se fixo unha chapuza. Está ben que o AVE chegue soterrado, pero se hai unha expropiación e logo resulta que non é necesaria hai que resarcir aos veciños dos danos que sufriron. Moitos pediron hipotecas e outros non poden volver ás súas casas porque xa non están habitables.
VAM.- Por qué hai colectivos coma as empregadas de Linorsa que non poden intervir no Pleno?
S.D.- Poden intervir todos os que o pidan… no caso das traballadoras de Linorsa o asunto non se levou á Xunta de Voceiros e non tivemos noticia da súa petición. Pero unha cousa é a asistencia libre e aberta dos cidadáns aos Plenos, pero non que deba permitirse todo. En calquera caso, por representación, o PP pode pedir ese Pleno extraordinario para que falen as traballadoras desta empresa, o BNG non o pode facer, que o pidan e que se permita a súa intervención.
VAM.- Este goberno local facilitou a creación de 11.000 postos de traballo coma dí o concelleiro de Emprego?
S.D.- Non teño esos datos, non é un área de goberno do BNG… en calquera caso podo decirlle quen non fixo nada polas traballadoras e traballadores de Vigo: a Xunta, que non creou un só emprego nesta cidade.
VAM.- Deme 2 motivos para votar e otros 2 para votar os BNG
S.D.- No primeiro caso chega con un: exercer ese dereito tendo en conta que os cidadáns son os máximos notarios do labor das forzas políticas… só se votas podes despois esixir. Votar ao BNG? Bueno, primeiro, porque sempre que o BNG estivo no goberno da cidade traballou pola sua transformación e o seu crecemento e , segundo, porque os homes e mulleres do BNG traballamos pola cidade dende a humildade, a dedicación a a honradez.
VAM.- Estivo algunha vez no paro?
S.D.- Non… logo de rematar os estudos empecei a traballar en Lugo… pero entendo que fun un privilexiado e que o meu fillo por exemplo, que está a piques de rematar de estudar non atopará un traballo coma o atopei eu, por eso valoro máis as dificultades de entrar no mercado laboral.
VAM.- Podería vivir gañando 1.000 € ao mes?
S.D.- Coas responsabilidades familiares que teño, dificilmente… aínda que tería que adaptarme. Sí que sei o que é non chegar a fin de mes, cando traballaba en Lugo, gañaba 63.000 pesetas e pagaba un alugueiro de 28.000… non é a primeira vez que tiven que falar co caseiro para que me dese unha prórroga a final de mes.
VAM.- Hai xeito de baixar o prezo do Vitrasa?
S.D.- Hai que lembrar que é unha concesión administrativa… nós sempre optamos por facer este tipo de concesións a un prazo de tempo menor, pero non hai que esquecer que coma concesionaria ten que ter un equilibrio financieiro e que cando o Concello pon billetes para estudantes ou xubilados os pagamos todos os vigueses.
VAM.- Coma son as súas relacións persoais co alcalde?
S.D.- Boas, cordiais… falamos habitualmente dos temas do goberno, do Concello, hai unha relación fluida. Eso non nega que teñamos diferencias políticas coma no tema das caixas, no recorte de servizos sociais… neses lugares o Partido Socialista nunca nos atopará.