María Pujalte, Isabel Coixet, Fernando León de Aranoa, Jorge Coira, Manolo Rívas ou Carlos Núñez. Son só algún dos coñecidos personaxes que pasarán en dúas semanas por Cans para desfrutar do seu festival, unha das citas máis especiais do calendario cultural galego. Catro días intensos nesta oitava edición para achegar a cultura ao pobo. “Interesa tanto dentro como fóra e axuda a situar a Galicia nunha posición referencial” con grandes ideas a pesar da crise, porque “non inflúe no talento”, recordou Alfonso Pato, director do festival.
En total poranse á venda para asistir ás proxeccións 800 entradas, das que 200 se poderán reservar en packs que inclúen entrada, camiseta e chapa. Para facerte con un entra na web do festival o vindeiro luns día 9 a partir das nove da mañá. Outras 400 poñeranse á venda o venres 13 no Torreiro de Cans á tardiña.
O festival chega este ano máis cargado que nunca, con máis actividades e máis profesionais implicados, tanto do audiovisual galego coma español. Dentro do programa, coloquios de altura nos que, ademais de Fernando León e Jorge Coira, intervirá tamén a directora Isabel Coixet. No apartado de longametraxes sobresaen Doentes, de Gustavo Balza, o documental Escuchando al juez Garzón de Isabel Coixet, e Brasil somos nós, coa presenza de Carlos Núñez, e 18 comidas, coa proxección de escenas inéditas.
O premio de honra irá para María Pujalte. A música poñerana Siniestro Total, El Gran Wyoming, Os Tres Trebóns e moitos outros, incluídas as intervencións experimentais de Nicolás Pastoriza e Eladio y los seres queridos no Jaliñeiro Unplugged. E na sección protagonista, a das curtametraxes, repetirán directores xa coñecidos en Cans e abrollarán outros que darán moito que falar.