É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO campus megalítico comeza a saír á luz
Duvi/ Ademais de aulas, laboratorios e oficinas, baixo os nosos pés, o campus de Vigo agocha unha enorme riqueza patrimonial e histórica. Necrópoles e monumentos megalíticos de diversa índole atópanse soterrados, preservados en moitos casos das accións humanas dende hai 6.000 anos. Para pór en valor estes xacementos neolíticos coñecidos por moi poucos a Vicerreitoría de Extensión Universitaria ten en marcha un proxecto integral de estudo das diferentes zonas con restos megalíticos e un anteproxecto de actuación en catro fases.
Son a Área de Prehistoria e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, os responsables deste traballo de análise previo, que comezou hai dúas semanas coa prospección con xeorradar dos túmulos 3 e 4 da necrópole As Xunqueiras/Pedreiras, situada na parte alta do campus. Coa mesma tecnoloxía que nestes días se está empregando para buscar o restos mortais de Mª José Arcos, os investigadores poderán caracterizar as estruturas que se conservan, “a forma da cámara ou a posibilidade de que haxa corredor intra-tumular, coiraza ou aneis ao seu arredor ou outro tipo de estruturas como foxos”, explica Beatriz Comendador, a arqueóloga responsable do traballo. Nun par de semanas, a spin-off da Universidade Ingeniería Insitu rematará o procesamento dos datos obtidos e o grupo de investigadores poderá comezar a traballar con eles.
Gran potencial arqueolóxico da zona
Os xacementos arqueolóxicos do campus de Vigo, tanto a necrópole megalítica da Xunqueira como o xacemento do Monte das Cabanas non son localizacións illadas, atópanse nun contexto moi importante a nivel arqueolóxico, “xa que o lugar da intervención atópase situado nunha das catro áreas tumulares que conforman a recoñecida zona arqueolóxica de San Colmado: As Xunqueiras, que é a situada máis ao sur, e as de Rebullón, A Pereira e As Pereiras”, explica Beatriz Comendador.
O conxunto funerario de As Xunqueiras ou Pedreiras está composto por varios monumentos tumulares ou mámoas de dimensións e características variadas, mentres que o xacemento de Monte das Cabanas, localizado na parte central da ladeira que une a Escola de Enxeñería Industrial e o Edificio de Ciencias Experimentais, é un xacemento da pertencente á prehistoria recente “singular no contexto do Concello de Vigo e de Galicia en xeral”.