Galicia Vigo al minuto

Citroën reduce á metade accidentes laborais e reclamacións

DUVI/ A implantación en 2007 do sistema Lean Manufacturing na planta viguesa de PSA Peugeot Citroën permitiu nestes catro anos reducir á metade os accidentes entre os empregados e tamén na mesma porcentaxe as reclamacións sobre os seus produtos. Estes datos foron achegados polo director da planta Pierre Ianni na clausura do I Ciclo de Conferencias de Alta Dirección como mostra da eficacia deste sistema de produción desenvolto por Toyota. O Lean Manufacturing fixo posible tamén que a fábrica viguesa non incrementase os seus custes dende 2007 a pesar da redución da produción nun 27% neste tempo e da inflación. Paralelamente, este sistema tamén permitiu que a planta non quedase atrás e non perdese o seu posicionamento como segunda planta máis importante de Europa no sector automobilístico, xerando o 30% do PIB de Galicia e posibilitando que Pontevedra sexa a cuarta provincia exportadora de España.

Historia dun éxito

O director da planta de PSA en Vigo amosou aos asistentes o proceso sufrido pola fábrica dende 2007 e comandado polo propio Ianni para adaptarse ao Lean Manufacturing seguindo así a estela das plantas francesas e evitando quedarse atrás. “A nosa idea central é implicar a todo o persoal da fábrica no proceso de produción, que todos sintan a necesidade de mellorar e vexan que esas melloras repercuten positivamente neles mesmos”, explica Ianni, sobre esta implicación se asenta o sistema desenvolto por Toyota en Xapón e hoxe adoptado por moitas outras empresas. “Todos teñen que participar no proceso e iso fixo preciso cambiar a estrutura da xerarquía, que a xente fose e sexa sempre escoitada, que participen e que veñan a vivir a Citröen, non a traballar a Citröen”, apunta.

Neste sentido, o responsable da empresa salientou que grazas á decisión de implicarse decididamente co sistema Lean, “agora Vigo está incluso por diante das plantas europeas da automoción”. Esta transformación comezou por arriba, coa dirección da planta pero fixouse como meta que chegase a todos os estamentos apostando pola formación dos traballadores, polo rigor e os estándares de calidade e por unha premisa básica con moi bos resultados: “un lugar para cada cousa e cada cousa no seu lugar”.

You may also like