As mesmas ideas que nas eleccións do 2007, do 2003, do 99… A asociación ecoloxista Amigos da Terra denuncia que as propostas medioambientais dos programas electorais dos tres partidos maioritarios en Vigo son un “corta e pega” do presentado nas anteriores eleccións, “un diagnóstico correcto dos grandes problemas ambientais da cidade, pero erran nas medidas de fondo para correxir as causas e non cuestionan o modelo socioeconómico que xera eses problemas”.
A entidade denuncia que as propostas son sempre xenéricas, en parte porque son promesas baseadas nunha falta de competencias, xa que o saneamento ou a depuración da ría e a xestión litoral dependen da Xunta e do Goberno central. As propostas, as de sempre: zonas verdes, potenciar os parques forestais, “instalar moito” carril-bici, unha nova depuradora, completar a rede de saneamento, recuperar o Lagares, coidar a ría, non máis recheos e mellorar os transporte público.
“O seu concepto do medio ambiente se restrinxe case sempre ao medio natural e a súa valoración estética“, recordan. “Existe unha seria contradicción entre as propostas para unha cidade sostible e as moi insostibles medidas do resto de apartados. Os partidos están lonxe de comprender e asumir a importancia e complexidade da crise ambiental”.