De madrugada e pola forza. Así foron desaloxados preto de 200 mozos que estaban acampados na Porta do Sol madrileña nun movemento organizado por Democracia Real Xa para continuar coa protesta que o domingo sacou á rúa a miles de persoas para demostrar o seu malestar co sistema político e social vixente e que pedían unha movilización masiva para ir ás urnas o vindeiro domingo 22 de maio, pero para votar a calquera menos aos partidos maioritarios (PSOE, PP e CiU).
Os axentes espertaron un a un aos manifestantes que durmían ao aire libre para indicarlles que debían saír da zona, pero cando os mozos trataron de sentarse outra vez con intención de quedarse comezou un forcexeo entre ambas partes, carga policial e ameazas de multa de ata 1.500 euros. Tres cuartos de hora máis tarde a manifestación quedaba desfeita, pero Policía Nacional e Municipal retivo a varios mozos para identificalos. Ao final, un detido e un axente ferido.