Sempre se falou da compra de votos por parte dalgúns partidos, pero o que fixo José Luis Baltar vai máis aló dunha mera especulación: o presidente da Deputación de Ourense comezou a repartir 3.000 euros en billetes de 50 entre os asistentes a un mitin do PP na localidade ourensana de Xinzo de Limia. Todo ocorreu cando os veciños lle reprocharon a falta de investimentos na zona, momento no que Baltar sacou a carteira e comezou a repartir os cartos mentres dicía que a el ninguén lle tapaba a boca.
Baltar é coñecido polas súas excentricidades, como contratar a 33 porteiros para un edificio con tan só dúas portas ou, a última, conseguir os apoios precisos para deixar o poder do partido en Ourense que el ostentaba ao seu propio fillo. E, agora, coa campaña electoral quente, o PP manten silencio sobre os actos do presidente da Deputación, mentres o BNG xa pediu a dimisión do político ourensán.