Deu co camiño correcto: Esquerda Unida creceu case un 300% nestas eleccións municipais, obtendo 4.193 votos máis que nas pasadas municipais e quedándose ás portas de obter un concelleiro na corporación de Vigo. Sen chegar ao teito do 5% que marca a lei electoral, o sistema deixa fóra do goberno vigués a EU, a pesares do que seguen sendo uns resultados históricos para o partido dende 1986. Por iso, EU vai continuar elaborando un programa político alternativo para a cidade durante os vindeiros meses para recoller as demandas e propostas do tecido asociativo de Vigo de cara ás vindeiras eleccións.
Ademais, EU retomará o contacto con outras forzas políticas, unha iniciativa que quedou paralizada durante o proceso electoral para evitar “confusións electoralistas e oportunistas. Porque unir a esquerda é máis que sumar votos, é falar e coñecerse nas propostas políticas concretas e nos proxectos políticos reais”.