Cultura Destacados

Vigo quere unha titulación en lingua de signos

Duvi/ A Facultade de Filoloxía e Tradución recibiu estes días a visita de Ronice Müller de Quadros, unha referencia mundial nos estudos sobre lingua de signos. Profesora titular na Universidade Federal de Santa Catarina en Brasil visitou o campus como profesora invitada do Máster en Lingüística e as súas aplicacións, un mestrado interuniversitario e interdepartamental no que participan as Universidades de Vigo e A Coruña.

A coordinadora en Vigo do mestrado, Inmaculada C. Báez, destacou a importancia de contar cunha profesora deste nivel, da que destacou que se trata da principal responsable de que en Brasil se lograse implantar un grao específico sobre Lingua de Signos “cun número de xordos elevadísimo que conseguiron que acaben a licenciatura, un aspecto fundamental, pero tamén cun número moi alto de oíntes que agora son intérpretes.

Habituada a traballar con lingua de signos brasileira e americana, Müller fixo xa algún traballo relacionado coa lingua de sinais catalá “e agora, coas profesoras Báez e Fernández Soneira, comezo a achegarme lingua de sinais española”. Müller logrou facerse con tecnoloxía e medios que lle permiten impartir as clases non só de forma presencial senón tamén a distancia noutras 15 universidades estatais, “conseguiron crear materiais para que tanto xordos como oíntes que queiran aprender lingua de signos brasileira poidan facelo de xeito sinxelo”, explicou, ao tempo que recalcou que é unha situación que podería extrapolarse aquí de maneira moi sinxela “e de feito en Portugal, onde estes estudos tamén alcanzaron xa o rango de grao, xa están empezando a traballar con esta mesma idea”.

En Vigo, tamén é vella a demanda de acadar un título de grao para estes estudos, “e, chegado o momento de formular novos graos, así o demandaremos”, apuntou Báez. “Nós temos recorrido xa un camiño longo e moito andado para lograr que se implante un grao en estudos filolóxicos da lingua de sinais”, engade outra das profesoras do mestrado, Ana Fernández Soneira. Cun grupo de investigación “forte” nesta temática, diferentes proxectos “xa na rúa”, un mestrado en marcha, automatrícula en liña en lingua de signos … son exemplos do camiño recorrido, “e non renunciamos a conseguir o grao, aínda que somos conscientes de que polo de agora este é un tema no que toca esperar”.

 

También te puede interesar