Duvi/ No curso 2009/10, 2.425 universitarios realizaron prácticas preprofesionais nas máis de 1.000 empresas coas que a Universidade de Vigo ten asinado convenios “o que supón que 3 de cada 4 titulados tiveron a oportunidade de facer prácticas e o noso obxectivo é conseguir que esta cifra acade o 100%”, subliñou o reitor Salustiano Mato na presentación de resultados de prácticas en empresas, un acto para o que se desprazou ata as instalacións da empresa BorgWarner Emissions Systems, corporación que colabora coa Universidade na incorporación do alumnado ao mercado traballo dende 1996 “e que nos pareceu un bo exemplo da colaboración, que cada vez é mais estreita, entre a Universidade e o mundo empresarial”.
Destas 1.000 empresas, algo máis da metade están localizadas na provincia de Pontevedra “concretamente o 33% pertencen a Vigo e á súa área metropolitana”; arredor do 10% están en Ourense; un 20% na Coruña e arredor dun 14% a fóra de Galicia.
Un exemplo é BorgWarner Emissións Systems Spain, que conta na actualidade con arredor de 500 empregados, entre eles 50 enxeñeiros “dos que aproximadamente o 70% son exalumnos da Escola de Enxeñaría que chegaron aquí facendo prácticas”, subliñou Álvaro Sánchez. Son a maioría pero non os únicos, xa que na empresa se deu tamén cabida a perfís máis administrativos, nos que se inclúen dende exalumnos de Ciencias Xurídicas e do Traballo ata outros de Ciencias Económicas e Empresariais.
Como exemplos desta constante colaboración tamén participaron no acto outros dous exalumnos, Yago González, que tras un período como bolseiro conseguiu xa un contrato, e Adrián Folqueira “que agardo tamén poder quedarme e pasar a formar parte da empresa”, subliñou. Ambos fixeron fincapé no “difícil que está chegar ao mercado laboral” e salientaron a importancia “de contar con empresas que che dean esta oportunidade e que dende o principio te fagan sentir que contan contigo”, subliñou Folqueira, ao que o seu compañeiro engadiu que “dende o primeiro día as prácticas foron unha experiencia moi enriquecedora”.