Duvi/ A idea é converter o mar no elemento protagonista na vida no campus. Por iso nace CampusMar Life 2011, un programa co que Campus do Mar lanza unha ampla oferta de actividades recreativas, culturais e deportivas que buscan potenciar a relación co medio mariño de todos os membros da comunidade universitaria. Dende unha ruta pola Costa da Vela ata unha excursión en barco pola ría de Vigo; dun bautismo de surf a unha ruta en Kaiak polo esteiro do Miño… en total serán 12 as actividades que arrancarán no mes de setembro con epicentro na Universidade de Vigo, se ben é un proxecto que nace con vocación de exportabilidade e podería levarse as outras dúas universidades galegas.
Nesta primeira edición, concibida como fase piloto, as estimacións son que ata 1.000 persoas tomen parte dalgunha destas doce propostas, doce actividades que se dividen en catro áreas: lecer, cultura, deporte e divulgación. Ofertarase unha ruta mareal polo litoral de Vigo na que se propón un roteiro a pé que partirá de Alcabre para chegar a Cabo Estai e outro pola Costa da Vela do Morrazo, ademais dunha excursión en barco pola Ría de Vigo guiada por especialistas en historia e filoloxía “que irán explicando os significados dos nomes do mar, as marcas dos mariñeiros, os caladoiros, os naufraxios…”. Tamén haberá oco “para visitar unha praia dun xeito diferente”, xa que a arqueoloxía terá un papel protagonista ou a opción de visitar o peirao de Bouzas e descubrir os diferentes tipos de embarcacións tradicionais galegas.
Aproveitando a riqueza e os escenarios inigualables que ofrece o litoral galego, o programa quere darlle á comunidade universitaria a posibilidade de ter unha primeira toma de contacto cos deportes náuticos. Surf, vela, mergullo e rutas en Canoa son as alternativas para experimentar novas sensacións “e, por que non, se convertan en practicantes habituais deste tipo de deportes”. E do deporte, á divulgación, coa posta en marcha de varios obradoiros nos que os investigadores terán a oportunidade de ensinar de xeito “divertido e entretido” cuestións relacionadas con ciencia e tecnoloxía mariña.