Duvi/ Obter conclusións rigorosas e neutrais sobre os retos aos que se enfrontan cidadáns, empresas e gobernos no ámbito da enerxía. Con este obxectivo a Universidade e Alcoa poñen en marcha un proxecto de investigación no que a compañía, líder mundial na fabricación de aluminio con máis de 2.000 empregados en Galicia, inviste 350.000 dólares para a contratación de tres investigadores especializados que durante dous anos levarán a cabo diferentes traballos en torno a cinco grandes liñas de actuación: demanda de enerxía, seguridade de subministro, innovación, efectos económicos das políticas enerxéticas e ambientais e prospectiva regulatoria.
Para pór en marcha o proxecto, contratouse xa a tres investigadores posdoutorais que o levarán a cabo e que hoxe acudiron tamén á presentación. O alemán Klaas Würzburg, doutor pola Universidad de Colonia, centrará o seu traballo na análise dos custes das medidas da eficiencia enerxética en España, ademais de ocuparse da relación entre os prezos da enerxía e de outros bens manufacturados e de alimentos, así como de investigar o deseño e efectos de diversas políticas de promoción de enerxías renovables en distintos países europeos.
De xeito complementario, o vasco Luis Rey, doutor polo Instituto Universitario Europeo de Florencia, dedicará o seu tempo á modelización económica da seguridade enerxética, cun particular análise dos efectos macroeconómicos e dos custes de posibles rupturas no subministro no caso español, así como ao deseño e efectos de políticas de eficiencia enerxética nos edificios.
O terceiro investigador contratado é o marroquí Mohcine Bakhat, doutor pola Universitat de les Illes Balears. Neste caso o seu labor centrarase na modelización da demanda de enerxía, a análise dos efectos e deseño dos tributos enerxéticos, “sen pasar tampouco por alto o estudo da volatilidade dos prezos de bens enerxéticos”, subliñou o responsable de Economics for Energy, Xavier Labandeira.