Membros da sección sindical da CIG en Povisa, traballadores e delegados da central nacionalista realizaron hoxe a primeira das mobilizacións previstas para rexeitar as ameazas do centro médico vigués de aplicar un ERE extintivo a todas as traballadores do servizo de limpeza. Dende sindicato sosteñen que a empresa obriga de xeito unilateral os empregados a reducir a súa xornada laboral baixo ameaza de despedimentos, pretende eliminar do convenio o punto que establece a revisión salarial e négase a pagar os atrasos de 2010, o que motivou unha denuncia do sindicato.
A concentración ás portas de Povisa estaba prevista nun principio entre as 11.00 e as 20.00 horas, aínda que finalmente só se prolongou até as 16.00 horas. A decisión de suspender a protesta adoptouse tras a asemblea convocada polo resto do comité de empresa na que, segundo denuncian dende a CIG, as organizacións sindicais asumiron as teses da compañía. “Din que hai que reducir a xornada e eles acatan a medida sen comprobar a situación económica real”, critican. Diante disto, adiantan que o luns manterán unha xuntanza cunha economista á que lle encargaron un informe para corroborar se son certas as información que filtra a dirección “porque hai cousas que non nos cadran”.