A Consellería de Sanidade vén de invitar a distintos colectivos da sociedade (organizacións sectoriais, sindicais, asociacións de veciños e demais sectores sociais da cidade) a que fagan propostas coa fin de poñer nome ao que será o novo hospital de Vigo.
Con esta medida, segundo indica en unha nota, “búscase unha maior implicación de todos os vigueses co seu hospital e, ao mesmo tempo, que o novo centro conte cunha denominación propia máis aló da definición do seu emprazamento xeográfico”.
Este mesmo procedemento se fixo no novo hospital de Lugo, que recibiu o nome de Lucus Augusti e, no que se refire á designación dos tres bloques de hospitalización que conforman o centro, foron elixidos nomes dos profesionais como Faustino Vilar, en recoñecemento de todo o persoal de enfermería e matronas; José Goyanes Capdevila, que representa aos profesionais sanitarios da provincia e á vertente investigadora e técnica da profesión médica; e Rafael de Vega Barrera, profesional médico de recoñecido prestixio na capital lucense.
A consellería reitera que o centro hospitalario será “público”, que prestará servizo a 600.000 persoas, que “contará 1.465 camas, 35 quirófanos, 160 consultas externas e 62 salas de diagnóstico por imaxe”, e que os traballos de construción continúan segundo os prazos previstos, polo que “o remate das obras está programado para finais de 2013”.