Duvi/ Non o dicimos nos, senón o II Ranking ISI das universidades españolas, unha lista a nivel estatal na que se analiza a investigación publicada en revistas internacionais de maior impacto e visibilidade, non por grandes ramas de coñecemento, senón atendendo a campos e disciplinas científicas, de maneira que poida captarse mellor en que especialidades as universidades son máis activas e influentes. E nel a Universidade de Vigo acada a segunda posición nacional no que a estudos de enxeñaría química se refire e no terceiro posto no eido das ciencias dos materiais.
Bronce en Ciencias dos Materiais
Centrado nos períodos 2001-2010 e 2006-2010, o estudo, realizado pola Universidade de Granada e a de Navarra, sitúa á institución académica viguesa como a segunda do panorama nacional en estudos de enxeñaría química, só por detrás da Politécnica de Valencia. Ademais de en enxeñaría química, Vigo tamén destaca noutro eido moi relacionado co mundo da enxeñaría: Ciencias dos Materiais, disciplina na que Vigo acada unha destacada terceira posición nacional, só por detrás das universidades de Barcelona e a Complutense de Madrid, un lugar que mantén tanto para os períodos 2001-2010 como 2006-2010.
Do total das dezanove disciplinas científicas analizadas, a universidade do sur de Galicia acada tamén bos resultados en eidos como as xeociencias (7º posto en ambos períodos temporais); ecoloxía e ciencias medioambientais (8º posto no 2001-2010 e 16º no 2006-2010); xenética e bioloxía evolutiva (9º posto no 2001-2010 e 10 no 2006-2010); ciencia e tecnoloxía dos alimentos (10º posto no 2001-2010 e 14º no 2006-2010); bioloxía vexetal e animal (postos 12º e 14º); agricultura (16º e 13º) e química (14º en ambos períodos temporais).