Galicia

O campo cómese o CO2

Duvi/ O aumento da actividade nos sectores da industria e do transporte son ben visibles na atmosfera: un aumento do CO2 que deriva nun quentamento global que provocou que nos últimos 50 anos a temperatura media en España crecera 0,6 graos. Nesta batalla contra o cambio climático os bosques non son os únicos aliados: un equipo de ecólogos da Universidade de Vigo e da Fundación Matrix descubriu que os pastos actúan como un sumidoiro natural de carbono que en lugar de acumular este gas na biomasa, como pode ser na herba, faino de xeito invisible no chan “sen necesidade de axuda”. É un dato para o optimismo, xa que a natureza reacciona compensando de xeito natural os nosos excesos. Actúa como un sistema de ventilación retirando todo o dióxido de carbono que producimos de máis”, recoñece Javier Montalvo, profesor de Ecoloxía e director da fundación.

A investigación demostra que os pasteiros secuestran o CO2 “seguindo un patrón regular dun 2,2% ao ano durante as últimas dúas décadas”. Os datos da análise de distintos tipos de chans revelan que os prados de Cantabria e os pastos de montaña similares aos galegos almacenan unha media dunha tonelada de carbono por hectárea e ano, mentres que nas zonas de clima máis cálido e seco do sureste peninsular a acumulación redúcese a 0,4 toneladas.

Segundo o estudo, só no último ano os pasteiros de España (incluíndo os de Baleares) almacenarían uns 23,5 millóns de toneladas de CO2, o 7% das emisións totais anuais e unha cifra similar a do secuestro da biomasa do conxunto dos bosques españois. A pesar de que os pastos ocupan un 20% da superficie peninsular, esta é unha estimación bastante conservadora porque os investigadores limitan o alcance do cambio detectado á parte do chan que contén a maior proporción de carbono, a máis superficial.

Portugal xa explota os seus pasteiros

O chan volve a recoller “todos os combustibles fósiles que se emitiron dun xeito natural e barato” fronte aos novos métodos artificiais e máis caros que están a xurdir. Tal é a importancia que teñen que Portugal xa “está a mellorar os seus pastos para secuestrar unha maior parte das emisións. Esa acumulación de CO2 vale moitos cartos e incluso está establecendo un sistema de pago aos propietarios pola absorción de carbono que se cumula nas terras”, asegura Montalvo. Sen embargo, polo momento a reserva de carbono dos pasteiros non contan á hora de cumprir co Protocolo de Kioto, para o que si se ten en conta a asociada aos bosques e aos cultivos agrícolas.

Un estudo de longa duración

Parte da relevancia deste traballo radica en que é “un estudo de moi larga duración”, xa que a observación de parcelas permanentes comezou en 1989 “facendo a última medición no 2008, aínda que haberá máis nos vindeiros anos pero espazadas no tempo”. Levado a cabo polo profesor Javier Montalvo xunto cun equipo de investigadores que colaboran coa Fundación MATRIX de xeito voluntario, os resultados acadados apoian un estudo iniciado hai 20 anos por Francisco Díaz, catedrático da Universidad Complutense de Madrid, coautor do traballo. O seguinte paso será informar ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente as conclusións acadadas tras anos de investigación.

También te puede interesar