Duvi/ O catedrático da Universidade de Vigo Carlos Hervés Beloso (Marín, 1953) foi nomeado Economic Theory Fellow, unha distinción coa que pasa a formar parte dun selecto club ao que só acceden economistas e matemáticos do máis alto nivel, incluíndo varios Premios Nobel (Edward C. Prescott, Kenneth Arrow, Robert J. Aumann, Eric S. Maskin…). Seleccionados pola prestixiosa Society for de Advancement of Economic Theory, SAET, pola súa “excelencia, orixinalidade e liderado; o seu elevado compromiso ético e as súas innovadoras contribucións académicas”, a condición esencial para optar a esta distinción “é ter realizado achegas substanciais á teoría económica”.
“Sinto que é unha honra non merecida”, subliña o profesor vigués, que destaca a importancia do nomeamento desde o punto de vista colectivo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e da propia Universidade, “pois internacionalmente ponnos nun lugar no que todos quixeran estar”, engade, ao tempo que subliña o bo nivel do centro, “algo que pode comprobarse facilmente botándolle unha ollada a produción científica dos seus docentes e investigadores e lembrando que os tres grupos de Economía que contan co selo de Excelencia da Xunta de Galicia teñen sede na facultade”, apunta en referencia aos grupos de investigación RGEA, que el mesmo dirixe, ERENEA e REDE.
Só tres representantes españois
Hervés comparte distinción con 156 expertos de institucións como Harvard, Yale, Princeton, Standford… unha lista da que tamén forma parte o Doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo, Timothy Kehoe, profesor da Universidade de Minnesota. Sen embargo, son só dous dos outros representantes procedentes de institucións españolas “dous pesos pesados da economía a nivel mundial”, subliña Hervés, para referirse aos outros dous Fellows españois: Andreu Mas-Colell e Salvador Barberá.
Mas-Colell é o actual responsable da carteira de Economía da Generalitat de Catalunya. Foi a persoa elixida por Artur Mas para dirixir as finanzas de Generalitat nun intre complicado. Catedrático de Economía da Universidade Pompeu Fabra e presidente da Barcelona Graduate School of Ecnomics, Mas-Colell, de 66 anos, doi durante anos director do Departamento de Economía da Universidade de Harvard. Tamén Salvador Barberá conta con experiencia na xestión da política científica, asumindo postos como o de secretario xeral de Política Científica do Ministerio de Educación e Ciencia desde 2004 a 2006. Catedrático de Economía pola Universidade Autónoma de Barcelona, Salvador Barberá conta con algunhas das máis relevantes distincións en investigación.
SAET