O cabeza de lista de Esquerda Unida por Pontevedra e coordenador local de EU en Vigo que participará activamente na movilización pola sanidade pública de este xoves, día 27 na cidade (20 h. Hospital Xeral), lembra que “se o goberno bipartito PSOE, BNG, cando gobernou na Xunta tivese posto a primeira pedra do novo Hospital, hoxe o PP non estaría artellando esta xestión privada do mesmo”. Rubén Pérez acusou a socialistas e nacionalistas corresponsables de que o capital privado “vaia facer o seu agosto coa sanidade pública”, por “inoperantes e por panfletarios”, xa que estiveron anunciando proxecto tras proxecto sen dar comezo ás obras.
Nunha rolda de prensa conxunta coa nº 2 da lista, e traballadora sanitaria, Eva Solla, Pérez dixo que “non hai que esquecer que a privatización dos recursos sanitarios está contemplada na Lei 15/97 de Habilitación de nuevas formas en el sistema nacional de salud, que foi apoiada no parlamento español polo PP + PSOE”.
O candidato de EU subliñou que o goberno de Touriño e Quintana ‘inaugurou’ por tres veces o inicio das obras do novo hospital, non deixando nin a primeira pedra posta, facilitándolle a estratexia privatizadora ó PP, e fixo un chamamento a mobilización activa pola defensa da sanidade pública, apoiando a convocatoria da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública.