Galicia

Traballadores da automoción denuncian EREs sen causas obxectivas

Arredor de medio cento de delegados e delegadas da CIG en empresas da automoción concentráronse esta mañá diante da sede da Xunta de Galiza en Vigo para rexeitar a autorización masiva de Expedientes de Regulación de Emprego no sector sen que existan razóns obxectivas. Dende a Coordinadora do Automóbil da central nacionalista instan á Administración autonómica e á Inspección de Traballo a velar polos intereses dos traballadores/as e impedir que se sigan a utilizar fondos públicos na aplicación dos EREs.

A protesta desenvolveuse entre as 10.30 e as 11.30 horas fronte ao edificio administrativo da Xunta na cidade. Representantes sindicais da CIG en empresas do automóbil da comarca permaneceron detrás dunha faixa na que se podía ler “Non ao abuso dos EREs. Automoción por un emprego digno” ao tempo que berraban consignas como “Xunta e Inspección, sicarios da automoción” ou “Non, non, non aos EREs na automoción”.

En declaracións aos medios de comunicación, o voceiro da Coordinadora do Automóbil explicou que os motivos da protesta responden a que “estamos moi preocupados porque autorizan EREs sen que existan razóns obxectivas e sen nin sequera ter en conta os contrainformes elaborados pola representación dos traballadores/as”. En opinión de Henrique Pérez, esta situación é especialmente grave nos tempos de crise que corren porque se financian con cartos públicos que saen dos petos da clase traballadora. “Entendemos que tanto a Xunta como a Inspección de Traballo deben de velar polos intereses dos traballadores/as e non permitir que as empresas apliquen EREs que non estean debidamente xustificados”, indicou.

O representante sindical incidiu en que as empresas o único que buscan é incrementar beneficios “e se miran que os EREs son un bo xeito de facelo pois non o dubidan, como sucedeu en PSA-Citroën ou en Denso”. Finalmente, lembrou que en moitos casos os problemas que atravesan as compañías derivan dunha mala xestión empresarial.


 

También te puede interesar