Un grupo de empregadas e empregados da limpeza dos colexios públicos de Vigo realizaron este luns unha concentración diante da empresa concesionaria, Linorsa, para esixir a readmisión dunha compañeira despedida despois de que fose acusada de manter unha discusión cunha compañeira de traballo durante a folga. Dende a CIG-Servizos anunciaron que manterán a protesta até que a empresa acceda a readmitila e non descartan outro tipo de mobilizacións paralelas.
Compañeiras e compañeiros da afectada permaneceron diante da sede de Linorsa na estrada do Vao por espazo dunha hora facendo soar asubíos e berrando consignas nas que reclamaban a readmisión da despedida e criticaban a actitude da dirección da empresa.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, explicou que o xulgado vén de recoñecer o despido como procedente, decisión que xa foi recorrida polos servizos xurídicos da central nacionalista. A dirixente sindical desvelou que días antes do xuízo a empresa trasladoulles unha proposta que foi rexeitada ao entender que se trataba dunha chantaxe:para readmitila, ademais de impoñerlle unha sanción de mes e medio, o comité tería que firmar a paz social durante a vixencia do convenio que aínda está sen negociar. “Isto suporía deixar á representación das traballadoras coas mans atadas durante todo o proceso”, censura.
Fernández lembrou que a traballadora que denunciou ter recibido os supostos insultos foi precisamente a mesma persoa á que a empresa contratou de xeito indefinido o pasado mes de xuño. “Fixéronlle un contrato de 22 horas e media, máis do que figura no acordo coa empresa, de costas ao comité”, critican. Tampouco queren deixar pasar por alto o feito de que a despedida non tivese ningún tipo de incidente nin sanción durante os máis de 25 anos que leva na compañía. “Só lle entregaron un apercibimento uns meses antes do despido”, sosteñen. Polo tanto, consideran que se trata dun despedimento en resposta á participación da traballadora na folga e instan ao Concello a que medie para lograr a readmisión. Neste senso, lembran que as denuncias feitas ante a Inspección de Traballo están a constatar que a compañía realiza contratacións en fraude de lei, “algo que o Goberno local debería de ter en conta”.