Rubén Pérez, cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, lembrou este martes que ten que haber un “plan de inversión real en Educación con desenvolvemento nos orzamentos do Estado”, evitando os “desastrosos recurtes” que actualmente minan o sistema educativo público.
O candidato lembrou que Esquerda Unida “aposta por unha escola pública, laica e democrática como garante do dereito á educación de todos e todas en condicións de igualdade” e como requisito imprescindibel para un novo modelo produtivo, basado nun desenvolvemento social e ecolóxicamente sostible.
Asimismo, asegurou, “defendemos unha Universidade entendida como servizo público que non busque a competitividade e a excelencia, senón a calidade e a cooperación”, e que se oriente á formación de persoas creativas e críticas cunha elevada formación cultural e profesional; “non unha universidade ao servizo do mercado e das demandas empresariais”.
Pérez, enumerou as propostas básicas de EU nesta materia que se basan nnha “educación pública” como eixo fundamental do sistema educativo; unha rede única de centros de titularidade e xestión pública; a educación nas escolas, a relixión nas igrexas; mellorar, dignificar e recoñecer a labor dos profesionais da educación; aumento da autonomía con “máis participación democrática” en centros e distritos escolares; paralización da “Estratexia Universidade 2015”,”revisión do sistema de titulacións do plan Bolonia” e abrir un debate social con toda a comunidade universitaria. A eles uniu un sistema de bolsas e axudas que permita completar os estudos sen obstáculos derivados da orixe social e económico; fixar como obxectivo a “gratuidade dos estudos universitarios”; elaborar un estatuto do Persoal Docente e Investigador negociado cós sindicatos;planificación das prazas universitarias públicas dacordo coas necesidades sociais; establecemento de Campus Interuniversitarios sustituíndo o carácter competitivo dos chamados “Campus de Excelencia” por un modelo cooperativo e incrementar a financiación pública ata alcanzar o 2% do PIB, cun gasto anual por alumno/a equivalente á media universitaria europea.