Os traballadores de Povisa acordaron este xoves en asemblea convocar unha folga indefinida a partir do vindeiro venres día 9 de dececembro en protesta polo despedimento de 27 compañeiros e compañeiras do servizo de limpeza. Representantes do comité de empresa e empregados permanecen dende onte pechados no salón de actos do centro médico privado e nos vindeiros días levarán a cabo outras mobilizacións contra a decisión da dirección do hospital.
A asamblea aprobou, en primeiro lugar, continuar co peche iniciado na noite de onte despois de que comezasen a chegar as primeiras cartas de despedimento. A seguinte medida consensuada polos traballadores foi que unha representación do comité se reúna este venres cos responsábeis do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) na cidade co fin de reclamarlles que medien no conflito para que se retiren os despedimentos. Con este obxectivo achegaranse ás 10.00 horas á sede do Sergas na rúa García Barbón, onde o grupo de empregados se concentrará en sinal de apoio. Finalmente, para a semana que vén está previsto realizar unha caravana de coches pola comarca do Morrazo xa que Povisa é o seu hospital de referencia.
Outra das decisións ratificadas na asemblea foi a organización dunha gran manifestación na cidade na que se intentará implicar o conxunto da poboación. Mais a medida de presión máis contundente adoptarase a partir do 9 de decembro coa convocatoria da folga indefinida.
Dende a CIG criticaron a decisión da empresa ao entender que “se trata dunha represalia polo resultado do referendo celebrado recentemente para decidir si se aceptaba a proposta da dirección de retirar o ERE extintivo que afectaba a 57 persoas dos servizos de limpeza e arquivos”, a cambio de renunciar aos atrasos, conxelar salarios dende 2009 e permitir que as novas conratacións se rixan polo convenio provincial en lugar do de empresa.
“Ao día seguinte de que a xente rexeitara a proposta a empresa retira o ERE, pero para a nosa sorpresa onte comezan a chegar cartas de despedimento a 27 compañeiros da limpeza”, denuncia a secretaria da sección sindical da CIG en Povisa.