A Mesa pola Normalización Lingüística criticou que os alcaldes populares de Santiago e A Coruña, Gerardo Conde Roa e Carlos Negreira, néganse “unha vez máis” a empregar o galego en exercicio do seu cargo.
Nun comunicado, A Mesa denuncia que ambos os dous alcaldes “coñecidos polas súas posturas contrarias á lingua propia” empregaron topónimos “deturpados” nos seus discursos protocolarios, este sábado no acto oficial de posta en marcha da Alta Velocidade Galega “en lugar das únicas formas oficiais, que son en galego”.
O presidente da Mesa lamenta que Negreira e Conde Roa “sexan incapaces de manter unha postura minimamente institucional de respecto á lingua galega”, así como “á lexislación que a protexe“.
Carlos Callón sinala que “o feito de que o representante do Goberno central (o ministro Blanco) falase en galego e os representantes das dúas cidades galegas non o quixeran falar dá que pensar”. Callón lembrou que “a pesar do desprezo que senten por ela boa parte dos dirixentes do PP, a nosa lingua é oficial“, e pregúntase “qué se pode agardar duns cargos públicos que desprezan o propio idioma ata o punto de chegar a incumprir a lei para poñelo de manifesto?”.