Varios centos de traballadores do naval de Vigo realizaron este martes unha nova acción de protesta para reivindicar a implicación dos Gobernos español e galego na solución da crise que padece o sector. Os afectados saíron de Barreras pasadas as 10.30 horas para percorrer a pé a distancia até a Praza América. O percorrido realizouse cortando un carril de circulación, o que causou algúns problemas de tráfico no centro da cidade.
Unha vez alí, deron varias voltas á praza ocupando todos os carrís, polo que o tráfico tivo que ser desviado pola Policía Local. Durante a mobilización escoitáronse berros como “Naval solución” ou ·”Rajoy, escoita, o naval segue en loita”. Arredor das 11.30 horas regresaron andando até a zona dos estaleiros.
A CIG, sindicato convocante, lembra que é necesario o compromiso dos Gobernos español e galego para buscar solución que permitan salvar unha industria “ferida de morte”, ademais de esixir que se investigue a xestión dos estaleiros e reclamar unha alternativa ao sistema de bonificacións fiscais coñecido como tax lease.