Non sabemos porqué non se fixo antes, pero o caso é que só con iso, co envío aos empregados públicos de todas as notificación relacionadas coas nóminas de xeito telemático, aforraránse 95.000 € anuais (ao redor de 16 millóns das desaparecidas pesetas).
Así o anunciou este sábado o director do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico Financeira e Contable (Cixtec), Mauro Fernández Dabouza, quen confirmou que a partir do 1 de xaneiro de 2012 os empregados públicos autonómicos recibirán as súas nóminas en formato electrónico.
Esta iniciativa permitirá a eliminación das nóminas en papel a partir do próximo mes de xaneiro, grazas ao denominado Sistema de Información Corporativo de Nóminas. Esta ferramenta xa permite, desde hai tempo, a posibilidade de notificar aos empregados públicos, por medios electrónicos, os recibos correspondentes ás súas retribucións. Na actualidade, case o 70% dos empregados públicos incluídos no sistema xa percibe as notificacións por correo electrónico.
O envío de recibos en papel supón un elevado custe económico para Administración, derivado do gasto do propio papel, a súa impresión e os propios envíos, ademais dunha dificultade organizativa, xa que obrigaba ao centro que tramita a nómina –o Cixtec- a enviar en lotes miles de recibos a multitude de centros de traballo.