O comité de empresa de Linorsa, a concesionaria da limpeza dos colexios públicos da cidade, vén de comunicar que a Inspección de Traballo atendeu as denuncias da CIG e obrigará á empresa a facer indefinidas a 25 empregadas que foran contratadas de xeito eventual ou por obra. A autoridade laboral comprobou que este tipo de contratación temporal non estaba debidamente xustificada pero non lle imporá unha sanción porque a compañía xa anunciou a súa intención de corrixir a situación e contratalas como indefinidas fixas discontinuas.
As representantes do comité de empresa compareceron hoxe en rolda de prensa xunto coa secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo para dar conta da resolución da Inspección de Traballo. Transi Fernández explicou que a autoridade laboral atendeu as súas denuncias por fraude na contratación, polo que a empresa terá que facerlle contratos indefinidos fixos discontinuos a un total de 25 traballadoras, pasando o cadro de persoal de 150 a 175 persoas, co conseguinte incremento no custe do servizo.
A responsábel sindical lembrou que as denuncias ante a Inspección remóntanse ao mes de setembro, cando a empresa contrata a 34 persoas. “Solicitamos entón as copias básicas dos contratos pero néganse a entregalos, polo que acudimos á autoridade laboral”, indica. É entón cando Linorsa accede a cumprir a normativa e 15 días despois facilítallas á presidenta do comité. “Comprobamos que figura un contrato fixo de 10 horas e outro parcial de 22 horas e media, o que supón entrar a traballar antes das seis da tarde, co que se incumpre o horario laboral establecido polo Concello”. Hai tamén nove de interinidade por substitución, mentres que o resto son a tempo parcial e por fin de obra até o 21 de decembro.
Fernández comentou que o 28 de setembro deciden enviarlles cartas aos responsábeis municipais poñéndoos en coñecemento da situación e reúnense cos grupos políticos da oposición. “A día de hoxe aínda non obtivemos resposta”, critica. A partir de aí a Inspección detecta as anomalías que motivaron a resolución que agora se fai pública.
Con respecto ás traballadoras que foron despedidas despois de ter participado na folga, a autoridade laboral sostén que non ten competencias para determinar a procedencia, improcedencia ou nulidade da decisión e que deben de ser os xulgados do social os encargados de facelo. “O xuízo por estes feitos está fixado para o vindeiro día 16, aínda que xa houbo unha traballadora que denunciou pola súa conta e gañou a improcedencia”, afirma.
Onde si actúa a Inspección é no caso da denuncia contra a empresa por non ter entregado en tempo a copia básica dos novos contratos. Levantou acta de infracción que se resolverá cunha sanción económica. O comité de empresa volveu acudir hoxe mesmo á autoridade laboral para denunciar que a empresa non facilitou as copias básicas de contratos posteriores, ademais de non facer público o calendario de vacacións. “Tamén se negan a dicir cal é o índice de absentismo na empresa o que supón un prexuízo para as traballadoras porque no caso de que sexa inferior ao 3,5% cobrarían o 100% do salario no caso de coller unha baixa”, censuran. Así mesmo, volveron reclamar que se substitúa no traballo ás delegadas que collan horas sindicais.
Finalmente, anunciaron que seguirán coas mobilizacións e que solicitarán unha xuntanza co Goberno local vigués para analizar a situación.