Galicia

O BNG instará ao Goberno a que negocie a renovación do acordo pesqueiro con Mauritania

O grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia levará á Cámara unha iniciativa para instar ao goberno do Estado a negociar perante a UE a renovación do acordo pesqueiro con Mauritania en condicións favorábeis para a frota galega.

Trátase, segundo o deputado Bieito Lobeira, de conseguir que non se produza interrupción algunha da actividade pesqueira após o 31 de Xullo de 2012, data na que remata a vixencia do actual acordo, e “sempre en base aos seguintes criterios: que se manteña o número de buques pesqueiros galegos e a súa capacidade extractiva, que existan garantías de seguranza xurídica, que o acordo estea vencellado ao importante conxunto de relacións económicas, políticas, comerciais e doutro tipo que mantén Mauritania coa UE”.

Para o deputado nacionalista, cómpre lembrar que Mauritania é a día de hoxe practicamente a única alternativa para a frota arrastreira e cefalopodeira após a súa expulsión, en 1999, do banco canario-saariano.Moitos buques que operaban nese caladoiro foron despezados, outros transferidos a sociedades mixtas con bandeira marroquina ou doutros estados e os sobrevivintes reubicados en Mauritania, por iso é un acordo pesqueiro fulcral para a nosa frota”.

O parlamentario explica que historicamente houbo problemas na negociación do acordo, debido á “introdución de protocolos con criterios abertamente discriminatorios para Galicia”, por iso, para que non se reproduzan esas dificultades, é fundamental que exista unha vontade real por parte da UE para facer valer a posición da frota galega, “o que pasa, inexorablemente, por un seguimento estrito por parte do goberno galego do proceso negociador”, concluiu.


 

También te puede interesar