Galicia

A CIG convoca, este xoves, concentracións en toda Galicia contra a política económica do PP

O secretariado confederal da CIG, reunido este martes en Compostela, acordou convocar concentracións de delegados diante das delegacións de Facenda da administración central para manifestar o seu rexeitamento ás medidas aprobadas, vía decreto, polo goberno do PP. A central sindical, que tamén celebrará asambleas para analizar o novo escenario, considera que son claramente negativas para a clase traballadora porque “os recortes do investimento público provocarán máis destrución de emprego e o deterioro dos servizos públicos e as medidas fiscais adoptadas nada teñen que ver coa reforma fiscal que sería necesario acometer”, afirma Suso Seixo.

Con estas concentracións, que están vonvocadas para este xoves, día 11 (Vigo ás 12 h.na Delegacción de Facenda da rúa Lalín) a CIG pon en marcha unha campaña que terá continuidade até o mes de marzo e que culminará, nesta fase, o 10 de marzo, coas mobilizacións do Día da Clase Obreira Galega.

A central sindical pretende denunciar as consecuencias socioeconómicas que terán as políticas xa decretadas nos primeiros Consellos de Ministros e as que pretende aprobar o PP; evidenciar a necesidade de apostar por un novo modelo económico e social e, en consecuencia, esixir políticas alternativas que permitan camiñar cara un sistema alternativo ao neoliberalismo.

Respecto das medidas adoptadas en materia fiscal, denuncia que o que se fai é incrementar os impostos á clase traballadora e ás clases medias “mentres que seguen sen adoptarse medidas dirixidas a incrementar os impostos ás grandes fortunas, ás SICAV ou a combater a fraude fiscal que existe no estado español, por parte das grandes empresas e a banca. Medidas contra os verdadeiros responsábeis da crise, asegura o secretario xeral da CIG.

Seixo considera que grande parte do déficit público -que é o que se está utilizando para xustificar os recortes do gasto público- vén provocado, precisamente por estas políticas fiscais. “Por iso acordamos que estas primeiras mobilizacións se desenvolvan diante das delegacións de Facenda”.

Xunto a isto, a CIG tamén vén denunciando, e así o seguirá a facer nesta campaña, as políticas do PP na Xunta de Galicia. “Só con mirar as cifras de desemprego que temos neste intre, xunto cos centos e centos de mozos e mozas que seguen emigrando, xa queda descualificada a política económica e laboral de Núñez Feijóo”, di Seixo.

O secretario xeral da CIG denuncia que, de feito, a política económica e laboral da Xunta  “é practicamente inexistente” porque se limita a actuar como un “axente pasivo”, antes responsabilizando ao goberno central de todos os males, e agora agardando ao que lle digan. “É unha situación de desgoberno e iso tamén queremos poñelo de manifesto”.

Diante desta situación, a CIG esixirá maior soberanía para Galicia “convencidos de que nun momento como este, no que se está a dar unha concentración tan grande a nivel económico e político, agora que as decisións se toman en instancias totalmente alleas aos intereses da clase traballadora galega, é fundamental ter soberanía para decidir as políticas que máis nos conveñen para saír da crise e construír un novo modelo económico”.


 

También te puede interesar