Cultura

Galicia acumula un terzo dos topónimos de toda España

Duvi/ Chan da Lagoa, A Pedreira, A Xunqueira, A Cumieira…. está é so unha pequena escolma da riqueza toponímica do campus do Vigo, que ben se podería chamar Campus de Vilariño. A falta de recuperación e protección do nomes tradicionais en toda Galicia fixo que moitos deles estiveren a piques de perderse no esquecemento colectivo substituídos por termos artificiais ou inventados. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria decidiu emendar erros do pasado facendo un estudo de recolleita e restauración do patrimonio toponímico do campus vigués da man de Iván Sestay, titulado da Facultade de Filoloxía e Tradución, que xa elaborou entre outros o estudo dos nomes de lugar do concello de Moaña e do barrio vigués de Coia.

A idea xorde, como explica o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, porque é preciso poñer fin á teima de “neo-denominar con nomes ‘inventados’ realidades que teñen nome milenario de seu, chamándolle A rotonda da Bóla, A baixada dos plátanos de Ciencias… á Chan da Lagoa e á baixada ao Lago”. A finalidade é recuperar e volver a empregar nomes históricos que, como mínimo teñen 300 anos, porque a maioría xa estaban no Catastro de Ensenada do XVIII.

Segundo explica Iván Sestay, que realizou este proxecto en colaboración con Xabier Xil Xardón, “o proceso de recollida durou dúas semanas e efectuouse por medio de entrevistas cos nativos de Vilariño e Marcosende, eran as últimas persoas que conservaban o legado de séculos de tradición toponímica ininterrompida”. Por iso, de non ter acometido este estudo “cando eles morresen xa ninguén sabería nada”, puntualiza o vicerreitor, que engade que “se a Universidade non dá exemplo de respecto e potenciación do noso milenario patrimonio inmaterial e material, quen o vai facer?”.

Tipos e densidade dos topónimos e posta en valor

Iván Sestay documentou a presenza dun cento de topónimos. Trátase dunha densidade elevada para ser unha zona montesía provocada, neste caso, pola presenza dunha aldea no seu do campus, o que “humanizou” máis ese territorio. A toponimia recollida é “rica e variada” apunta Sestay. Como é unha zona de monte, abundan os topónimos referidos a accidentes do terreo como Os Cotos (elevacións do terreo) ou A Cumieira (cima dun monte). Pero tamén abundan, por ser unha área pedrosa, topónimos referidos a nomes de pedras e penedos como A Pedra do Lagarto ou A Pedra de Onde Morreu o Home. Tamén hai moitos topónimos acuáticos (Os Lagos, A Lagoa, A Xunqueira…) e incluso algún topónimo referido a certas aves acuáticas como As Galiñolas. Na parte baixa do campus, entorno á aldea de Vilariño, aparecen xa topónimos referidos a terras cultivadas, bosques de carballos, vexetación de ribeira, etc…

Unha vez reconstruído o mapa agora toca divulgalo e poñer en valor os termos recollidos. “O que queremos”, explica Xosé Henrique Costas, “é que a xente xogue cos nomes, que se interesen pola Pedra Onde Morreu o Home, que sitúe a súa facultade no seu topónimo, que os coñeza”. A idea é divulgar o significado, antigüidade e orixe dos topónimos, practicamente todos eles transparentes e de orixe latina. Dende a Vicerreitoría recomendarase a súa utilización e marcaranse sendeiros e vieiros cos nomes, e consideran boa idea que algunha aula ou algún salón das facultades e edificios leve o nome do vello topónimo se este é singular e diferente. Ademais, tratarase de trasladar estes nomes á sinaléctica “para o que estamos en contacto co Concello” e trabállase tamén para que estes datos se inclúan tamén en aplicacións coo Googlemaps, Google Earth ou GPS.

Un terzo dos topónimos da Península están es Galicia

O dato é moi clarificador, un terzo dos topónimos da Península Ibérica están en Galicia. Isto tradúcese en preto de 4 millóns de formas “o que indica que sempre fomos un territorio extensa e densamente poboado desde o paleolítico”, explica Costas. Un exemplo son concellos como Oia, con 9.000 topónimos ou as Illas Cíes, con 600 “marcas da nosa historia, fauna, flora, construcións, crenzas, nomes de propietarios desde a época romana, o que fomos e o que somos”, apunta Costas.

También te puede interesar