Galicia

El Salvador, cara a democracia real de mans galegas

O profesor Enrique Varela.
O profesor Enrique Varela.

Duvi/ A cooperación e a transferencia de coñecemento non entenden de fronteiras. O profesor da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, Enrique Varela, atravesou o océano Atlántico para pórse ao servizo do goberno de El Salvador como asesor en temas de liderado institucional nun momento no que o país comeza un novo ciclo político. Esta colaboración vén impulsada pola Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento, AECID, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, que promove plans de axuda internacionais cos países que o soliciten. El Salvador contactou coa institución española para desenvolver un programa de capacitación dos seus directivos públicos nese camiño cara unha democracia real. O plan foi deseñado por un equipo de profesores universitarios españois especializados na xestión e dirección institucional, entre os que se atopaba Enrique Varela. “Viaxamos a El Salvador un total de oito profesores, todos da Universidad Complutense de Madrid (UCM), a excepción dun da de Granada e de min. A idea era reforzar as institucións do seu goberno”, explica o propio Varela.

A AECID recorreu ao Instituto de Investigación Ortega y Gasset adscrito á UCM na procura de expertos capaces de liderar o proxecto. O profesor salienta a importancia de que a Universidade de Vigo participe en programas internacionais de cooperación “amosando con feitos unha verdadeira transferencia de coñecemento”. Durante dúas semanas Varela estivo formando a altos cargos xudiciais do goberno salvadoreño, entre os que destacan membros do Consello Nacional da Xudicatura, da Procuradoría, da Fiscalía ou da Policía Nacional Civil, entre outras altas institucións do Estado. Ademais, o profesor encargouse de impartir conferencias e clases maxistrais nas que estiveron presentes por exemplo o ministro de Obras Públicas e o de Turismo do país ou os presidentes da Xudicatura e da Corte Suprema.

Saber valorarse

Un total de 80 cargos públicos estiveron esas dúas semanas baixo as directrices de Varela. Unha das principais conclusións que o docente salienta é que o corpo público está altamente capacitado e cualificado, dotado de perfís profesionais inmellorables, “pero fáltalle ese recoñecemento público de liderado institucional”. Para paliar esa eiva, este experto ensinoulles a aplicar técnicas de desenvolvemento persoal que os axudaran a pór en valor o seu currículo e as súas competencias “reflexionando sempre o que eles poden ofrecer á cidadanía”. Mediante exercicios de autoavaliación Varela conseguiu que os funcionarios públicos entendesen que a súa valía debe estar ao servizo do pobo “e non do poder económico”, apunta o experto.

Para enfrontar este reto formativo, Varela debeu ter moi presente a situación política do país. “Non hai que esquecer que El Salvador aínda se atopa en fase de construción tras 30 anos de Guerra Civil entre terratenentes e guerrillas”, aclara. O país aínda está inmerso nun período de transición política e, como consecuencia, existe un bipartidismo moi forte “co que a gran parte da cidadanía non se sente representado” e unha concentración do poder político, económico e social nas mans do 5% da poboación. “Para loitar contra este desequilibrio, os líderes institucionais deben decatarse de que teñen grandes competencias coas que combater o monopolio do poder, co fin de gañar espazo para unha canle de equidade e de garantía”, sustenta o experto.

También te puede interesar