Os traballadores do estaleiro vigués Vulcano iniciaron este xoves un peche no interior das instalacións que manterán até que se coñeza se a sociedade Pequeños y Medianos Astilleros en Reconversión (Pymar) acepta a quita do 80% das débedas do estaleiro. O encerro manterase mentres o comité de empresa non regrese de Madrid coa resolución do consello de Pymar.
O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa polos representantes dos traballadores do estaleiro situado no barrio vigués de Teis. O peche iniciouse despois de que varios centos de empregados de Vulcano e de distintas empresas auxiliares do naval da Ría de Vigo, convocados pola CIG, percorresen en manifestación a rúa Sanjurjo Badía. Ao remate da mobilización, que se desenvolveu entre as 11.00 e as 12.00 horas, os afectados decidiron pecharse nas instalacións até que non se coñeza a resolución do consello de Pymar sobre a quita do 80% da débeda contraida polo estaleiro con distintos acredores (cifrada en 195 millóns).
O comité de empresa desprazarase até Madrid esta mesma noite xunto con representantes sindicais para coñecer de primeira man a decisión da que depende o futuro do estaleiro. A xuntanza do consello de Pymar está prevista para as 09.30 horas deste venres e a intención dos representantes dos traballadores é trasladarlle o que se decida nela nunha asemblea que se celebrará nas instalacións de Vulcano pola noite.