É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másXa hai un ‘galego’ no espazo
Duvi/ En órbita e funcionando. O XaTcobeo saíu ao espazo á hora prevista, ás 12.10 hora española, e menos de dúas horas despois comezou a emitir o sinal que demostra que o picosatélite traballa perfectamente e está listo para iniciar o envío de datos e a recepción de ordes dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Os nervios e a expectación das horas previas deron paso ao xúbilo e á satisfacción por converter á Universidade de Vigo, en colaboración co INTA, na primeira de Europa en pór en órbita un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. É a guinda a máis de tres anos de intenso traballo dun grupo que xa se ten convertido case nunha familia, composta por 60 alumnos e alumnas e 32 investigadores. Todos eles, xunto con membros da comunidade universitaria, representantes de institucións públicas e medios de comunicación seguiron con intensidade o lanzamento do foguete Vega que puxo en órbita aos sete picosatélites de universidades europeas entre os que se atopaba o XaTcobeo. Precisamente foi o vigués, por méritos propios, o primeiro en ser expulsado e abre o camiño á investigación aeroespacial en Galicia e a unha nova liña estratéxica para a Universidade. Pasadas as 13.00 horas os responsables do seguimento xa comezaban a recibir reportes de varias estacións que certificaban que o XaTcobeo estaba ‘esperto’ e transmitindo adiantándose aos prazos previstos.
Por iso, Fernando Aguado dende Kourou, a 7,5 quilómetros da zona de lanzamento de Vega, aseguraba sentirse “tranquilo e satisfeito”, unha vez que se recibiron na Florida e no Reino Unido os primeiros reportes do XaTcobeo. Xa ás 16.39 horas da tarde deste luns a estación de seguimento en Vigo recibiu a sinal do picosatélite que confirma o transcruso normal dos acontecementos. “É un sono feito realidade que confirma que, por unha banda, o picosatélite despregou as antenas, que a batería está ben e o computador de a bordo funciona e todo isto nunha zona cunha altísima radiación”, sinalaba un Aguado que se amosaba moi contento e agradecido a todas as persoas e entidades que ao longo de tres anos participaron no proxecto. Agora resta comprobar o correcto funcionamentos dos experimentos que XaTcobeo leva a bordo, pero Aguado sinala que “o éxito xa é que funcione e recibir o sinal”. Pola súa banda, o reitor, Salustiano Mato, incidía en que “é un comezo, estamos no espazo e demostramos que somos quen de facer cousas dende Galicia a nivel global” e engadiu que “a confianza que ESA e INTA depositaron na Universidade é unha éxito como institución“. En resumo, “con empeño, traballo e rigorosidade podemos, temos o noso fillo espacial”, concluíu.
Un día de éxitos
E é que o día foi de moitos éxitos, de moitas misións cumpridas. Para a ESA por lanzar sen problemas o foguete Vega no seu voo inaugural, para os países membros por poñer en órbita os nove satélites, e para a Universidade por partida dobre: por lanzar o XaTcobeo e porque este comezase a emitir. Para José Antonio Vilán a recepción dos reportes confirma “un éxito absolutamente rotundo”. O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento aseguraba dende a Güiana que non puido reprimir as bágoas cando a lanzadeira Vega despegou cara ao espazo e amósase moi orgulloso dos seus compañeiros e da colaboración das entidades financiadoras e moi especialmente da Universidade de Vigo.
Pola súa banda Miguel López e Darío Hermida, os estudantes que viviron en directo o lanzamento de Vega desde a Güiana, aseguraban sentir “unha mestura entre realidade e ciencia ficción”. “Non parecía real”, asegura Miguel “pero si que o é aínda que estea a ocorrer a 100o quilómetros de distancia”, mentres que Darío afirmaba sentir “un indescritible orgullo e unha satisfacción inmensa por anos de traballo no que participaron decenas de persoas”. Tamén o director xeral da ESA, Jean-Jacques Dordian, amosou a súa satisfacción e subliñaba que é “un gran día para a ESA, para os seus estados membros, particularmente para Italia, onde Vega naceu e para a industria europea.
Un pulo á investigación tecnolóxica
Nun acto conducido polo xornalista da Radio Galega, Manuel Vicente, o reitor subliñou que “se trata dun triunfo porque é un exemplo claro de cooperación intelixente que abre unha liña estratéxica para a Universidade, a da enxeñaría aeroespacial, moi acorde tamén con outro obxectivo da institución, a internacionalización”. Este é o xermolo para o Vigo Tecnolóxico, unha consideración coa que coincidiu tamén con Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, que afirmou que este fito serve para “proxectar o potencial innovador de Galicia, para demostrar que dende Galicia se pode competir no mundo”.
Alberto Gago, reitor da Universidade durante a xestación do proxecto, amosábase moi satisfeito e lembraba os comezos desta iniciativa e o entusiasmo que Fernando Aguado foi contaxiado a todos os que implicaba no que é xa o maior fito da institución académica.
Meses intensos por diante
Os intres previos ao despegue de Vega e ao lanzamento do XaTcobeo foron seguidos en directo no campus de Vigo e no de Ourense cos comentarios de Marcos Arias, investigador da EE de Telecomunicación e Santiago Rodríguez, do INTA, xunto coas intervencións de algúns dos membros do equipo. Pero tratándose dun proxecto eminentemente educativo, os estudantes tamén tiveron o seu momento no acto, uns intres que aproveitaron para amosar o traballo destes tres anos, o aprendido, as experiencias e as potencialidades de futuro deste proxecto.
Helena Iglesias, unha das alumnas participantes no proxecto explicaba que agora queda seguir traballando, noutra fase, pero tamén arreo. “Serán quendas de 24 horas os sete días da semana para facer o seguimento dende hoxe mesmo na EE de Telecomunicación”, explicaba, xa que o XaTcobeo pasará por Vigo catro veces ao día pero por sitios diferentes”. Nos próximos meses o contacto será constante para desenvolver os tres experimentos previstos, como explicou o profesor Óscar Rubiños, “por unha banda unha radio-software, denominada SRAD, reconfigurable en voo; outra banda, o picosatélite incorpora un medidor de radiación, denominado RDS, que aproveitará a órbita do XaTcobeo para realizar medicións de como a radiación dos aneis de Van Allen afectan á electrónica embarcada; e finalmente, realizarase a validación dun novo mecanismo de despregue de paneis solares”, sendo esta a primeira vez que se van estender paneis nun satélite de tan reducidas dimensións.
A pesar de que, ata agora, todo saíu como estaba previsto, ao XaTcobeo quédanlle por diante grandes retos. Como apuntaba dende a Güiana Francesa Fernando Aguado, “enviamos o satélite ao espazo nun ano de moi mal tempo espacial, no que se van marcar máximos históricos, unhas condicións que non se dan dende hai 200 ou 300 anos. Toca, polo tanto, pasar unha parte complicada da misión na que se trata de sobrevivir aos elevadísimos niveis de radiación, onde nunca tiña estado un CubeSat”. Porén, a primeira meta está cumprida e con nota.