Duvi/ Técnicos como Pep Guardiola ou José Mourinho xa planifican os adestramentos e a rotación dos seus xogadores seguindo novas directrices froito da transferencia de coñecemento da Universidade de Vigo. O grupo de investigación Hi20 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte encabezado polos profesores Luis Casáis, Eduardo Domínguez e Carlos Lago, achegan unha nova forma de concibir o nivel de fatiga dos xogadores nos deportes de equipo. Sinalan que o cansazo non vén definido unicamente por cuestións fisiolóxicas senón por outro tipo de variables estratéxicas que inflúen no número de metros recorridos polo futbolista no partido disputado. “Un xogador correrá máis ou menos en función das circunstancias e condicións nas que se desenvolva un partido e non soamente polo nivel de depósitos enerxéticos do corpo”, explica Carlos Lago. Este tipo de deportes colectivos son xogos de estratexia e de toma de decisións “polo que o soporte físico é dependente do táctico e a condición física irá en función do que suceda na competición”, engade.
Esta nova forma de entender o deporte de equipo xa está sendo empregada polos corpos técnicos de equipos de primeiro nivel como o FC Barcelona ou os franceses Olympique de Lyon e Lille, que cederon os seus datos estatísticos ao grupo de investigación “para buscar unha xustificación aos resultados e devolverlle un coñecemento aplicado”. Lago destaca a vertente práctica da investigación “cun impacto real e moi valorada polos técnicos, interesados en que as súas decisións estean avaladas pola ciencia”. Aínda así, o profesor lamenta unha falta de aval científico na práctica futbolística “polo que aínda en moitos casos os adestramentos baséanse en opinións ou no que se vén facendo por tradición”.
Planificación de adestramentos e rotacións
Os investigadores sinalan que o cansazo dun futbolista para enfrontar o seguinte partido vén determinado por tres variables que definiron como situacionais. En primeiro termo destaca a localización do partido “xa que cando un equipo xoga como visitante percorre menos metros que cando o fai como local”, apunta Lago. En segundo lugar, o marcador, que inflúe no nivel de entrega do xogador de tal xeito que, se un equipo vai gañando o futbolista fará menos metros a alta intensidade producíndose o fenómeno contrario se vai perdendo. A terceira variable é o nivel do opoñente, “o que quere dicir que canto peor resulta o rival, menos metros a alta intensidade se precisan correr”. Para Lago estas tres variables son imprescindibles para que un adestrador poida tomar decisións sobre os seus xogadores e para que comprenda “que un equipo correrá menos metros polo estado do marcador e non tanto porque haxa unha fatiga fisiolóxica”, exemplifica.
Dispor de esta información perfecciona a planificación dun adestramento e permite tomar decisións máis atinadas con respecto á rotación de xogadores. Deste xeito, segundo aconsella o investigador, un adestrador debería orientar a semana de traballo a estimular o soporte físico que demande a competición, intentando modelizar as condicións concretas nas que se vai desenvolver o vindeiro partido co fin de adaptar aos xogadores aos novos estímulos. “Un equipo de balonmán xogaba fóra a final dunha Copa de Europa polo que o adestrador decidiu acompañar a semana de traballo cos cánticos da afección rival para que os xogadores se adaptasen ás características do partido”, exemplifica Lago.
Do mesmo xeito, en función de como se manifestaran cada unha das variables situacionais no partido anterior, o adestrador pode decidir facer ou non rotacións entre os seus xogadores. Así, non soamente terá en conta o número de partidos disputados, senón as condicións dos metros percorridos en cada un dos choques. Como consecuencia, “podería ser perfectamente posible que os mesmos xogadores afronten dous partidos importantes nunha semana sen que haxa ningunha fatiga fisiolóxica”.