A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de denunciar ante a Inspección de Traballo que a empresa ourensá Componentes Aeronáuticos (Coasa) está a dar de alta a traballadoras que colleron unha baixa por lactancia ao desenvolver o seu labor en contacto con substancias perigosas. A compañía aeronáutica sostén que foi a mutua médica privada a que tomou a decisión tras supostamente ter comprobado que non existen riscos para a saúde das mulleres nin dos seus fillos, pero fíxoo sen seguir os protocolos que establece a normativa.
A petición do comité de empresa tras comprobar que moitas mulleres embarazadas collían baixas comúns ante o temor de que o contacto cos produtos químicos puidese ter consecuencias negativas para os pequenos, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) emitiu o ano pasado un informe de asesoramento técnico en materia de protección das traballadoras embarazadas ou en período de lactación.
No documento constátase que existen determinados postos de traballo nos que se utilizan produtos químicos perigosos sen que a empresa teña avaliado as consecuencias da exposición aos mesmos. “Esta circunstancia obriga a presupoñer que o risco existe ao non ter evidencia do contrario e podendo apoiar dita decisión do principio de precaución”, sostén o informe.
Até ese momento a mutua coa que Coasa ten contratada a cobertura destas continxencias viña recoñecendo o dereito das embarazadas á prestación de risco durante o embarazo, mais os informes médicos emitidos tras as solicitudes de prestación de risco na lactancia contemplaban que as condicións de traballo eran compatíbeis coa mesma, non procedendo polo tanto a baixa médica por este motivo.
Unha vez feito público o informe do ISSGA, a mutua emitiu un informe médico despois de que unha traballadora solicitase a prestación de risco durante a lactancia no que se recoñece que o posto de traballo é incompatíbel coa lactancia natural. Pero un mes despois remite un novo certificado que anula o anterior xa que “non se evidencia que se atope sometida a axentes, procedementos ou condicións no seu posto de traballo que poidan influír negativamente na saúde da traballadora ou do fillo/a alimentado/a con leire materno” e obriga á traballadora a reincorporarse ao seu posto.
Dende a CIG explican que se trata dun procedemento totalmente irregular xa que o real decreto que regula esta prestación recolle que no caso de que existan contradicións entre os informes presentados para o trámite desta prestación (neste caso o do ISSGA e o da mutua), a entidade xestora poderá solicitar informe á Inspección de Traballo. “Pero a mutua saltouse este paso e determinou que non existen riscos”.
Esta situación fixo que as traballadoras xa anunciasen a súa intención de deixar de darlle o peito ós seus fillos ante o temor de que poida resultar prexudicial para a saúde.