Comarcas

Benestar organiza este ano preto de 130 cursos de Formación Xuvenil para ao redor de 10.000 moz@s

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, desenvolverá un Plan de Formación  para o ano 2012 que contará con 127 cursos de 50 temáticas distintas co obxectivo de responder ás demandas dos informadores xuvenís, técnicos de xuventude, monitores e directores de tempo libre, membros de asociacións de voluntariado e mozos e mozas galegos en xeral.

Destes cursos beneficiaranse 9.897 persoas, entre técnicos e profesionais que traballan no ámbito da Xuventude e do Voluntariado, así como aqueles mozos e mozas interesados nestes campos. As temáticas dos cursos foron seleccionadas tendo en conta as propostas dos profesionais do ámbito da xuventude e do voluntariado, así como da mocidade en xeral.

O Plan de Formación 2012 divídese en en seis áreas: a Rede de información e documentación xuvenil, a formación no eido do tempo libre, o programa ‘Activa’, Quérote Máis, formación de voluntariado, e as actuacións nos Espazos Xove,

A Rede de información e documentación xuvenil conta con oito cursos de entre 10 e 125 horas, como o de monitor sociocultural, o de ‘Análise da información xuvenil no contexto das políticas da Xuventude’, ou o de ‘Organización e xestión de accións de dinamización da información para mozos e mozas’, entre outros.

A formación no eido do tempo libre inclúe 20 cursos aos que poderán acceder 455 persoas. Os cursos son de distinta temática, como  as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), a ecoloxía e o medio natural, discapacidade e terceira idade, técnicas de coaching para a empregabilidade da mocidade no tempo libre, ou a educación en valores no tempo libre, entre outras.

No programa ‘Activa’ inclúense 100 xornadas e obradoiros con temática distinta, ás que poden solicitar os concellos galegos, e que serán impartidos polo equipo de dinamizadores do Proxecto de dinamización xuvenil que ten a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Inclúense 25 edicións de cada un dos catro cursos: ‘Curso Comunícate’;  ‘Mediación xuvenil na participación’; ‘Programas e axudas para mozos e mozas’ e curso ‘Emprégate’.

En canto ao ‘Quérote Máis’, inclúe catros cursos sobre a seguintes temáticas:  ‘Mediadores en intervención na diversidade funcional; Intervención de mediadores en convivencia e relacións sociais; e curso básico de mediadores en intervención afectivo-sexual coa mocidade e Ampliación de mediadores en intervención afectivo-sexual coa mocidade.

En materia de voluntariado lévanse a cabo 16 cursos con temáticas moi diversas, tales como ‘Inicial de lingua de signos española’; ‘Discapacidade intelectual e calidade de vida’;  ‘Iniciación ao voluntariado para persoas privadas de liberdade’; ‘Voluntariado ambiental e patrimonio’; ‘Emprendemento social e voluntariado para os tempos actuais’; ou ‘Habilidades e recursos para voluntarios de entidades sen ánimo de lucro’, entre outras.

Por último, nos Espazos Xove da Rede Galega de centros de xuventude realizaranse 72 actuacións de formación entre cursos, xornadas e obradoiros.

 

También te puede interesar