A Consellería Educación publicará este luns a convocatoria de 2.495 axudas para os alumnos e alumnas que queiran realizar actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras no 2012. A convocatoria vai dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO, que poderán gozar de estadías formativas en ‘vilas inglesas’ en Galicia e de actividades para a aprendizaxe do francés; e aos estudantes de bacharelato e os ciclos de grao superior de Formación Profesional, que desenvolverán as actividades formativas en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña.
Esta oportunidade de aprender e mellorar os coñecementos en inglés, francés e alemán está destinada aos estudantes de 6º de educación primaria, 1º, 2º, 3º, 4º de educación secundaria obrigatoria, e 1º e 2º de bacharelato, que están a cursar os seus estudos en centros educativos sostidos con fondos públicos de Galicia.
Ademais, por segundo ano consecutivo, tamén vai dirixida aos estudantes de ciclos de Formación Profesional de grao superior, que poderán mellorar as súas competencias con cursos de inglés en Canadá e de alemán en Alemaña.
Para poder optar a estas axudas será preciso ter superado todas as materias do curso 2011-2012. Ademais establécese que os seleccionados teñan unha cualificación mínima na lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, co obxectivo de acadar un bo aproveitamento da mesma.
Destinos
No caso do alumnado de bacharelato, convócanse prazas para actividades de aprendizaxe de inglés en Canadá e Reino Unido e de francés en Francia, cunha duración de tres semanas. Ademais repetirase unha experiencia especialmente enriquecedora posta en marcha pola actual Consellería, nomeadamente a integración dun grupo de 20 estudantes de 1º de bacharelato durante 4 semanas a principios de curso no sistema educativo canadense, compartindo aulas cos seus alumnos e profesores.
No caso dos estudantes de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO e 6º de primaria, poderán optar a participar en actividades nas denominadas ‘vilas inglesas’ que se desenvolverán en Galicia durante os meses de xullo e agosto con profesores nativos, así como a prazas destinadas ao aprendizaxe de francés dentro da Comunidade, todas elas en períodos de 2 semanas.
Solicitudes
Os interesados deben inscribirse na dirección web http://www.edu.xunta.es/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e alumnas que se beneficiarán das achegas.