A Consellería do Medio Rural e do Mar “desmente rotundamente que houbera algún incendio forestal rexistrado onte no municipio ourensán da Veiga, nin maior nin menor de 20 hectáreas”.
Nunha nota remitida á prensa, a consellería asegura que “ante as falsas informacións vertidas por supostos traballadores da empresa pública Seaga, queremos deixar claro que no día de onte non houbo nin un só lume rexistrado nese municipio ourensán. Ademais, hai engadir, tamén, que tampouco houbo ningún incendio de máis de 20 hectáreas nos municipios limítrofes ao concello da Veiga”.
Medio Rural subliña que a información sobre incendios de maior tamaño (a partir das 20 hectáreas) é facilitada aos medios directamente por esta Consellería, polo que informacións procedentes doutros organismos ou colectivos debe ser contrastada con antelación xa que pode incorrer en erro, crear falsas alarmas.
“A Xunta lamenta profundamente que se estea a intentar enganar ao cidadán co emprego falso de datos dunha información tan sensible” e pide a máxima colaboración e respecto no uso desta información “tendo en conta o actual contexto de sequía en aras de evitar confundir aos cidadáns e de evitar facilitarlle o labor aos incendiarios”.