A Consellería de Cultura, porá á venda o vindeiro luns 26 de marzo a partir das 12 horas as entradas para o concerto que a artista internacional Björk ofrecerá o 22 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia. As primeiras entradas sairán á venda cun prezo especial de 35 euros máis gastos de xestión para todos aqueles fans da artista islandesa que decidan mercalas antes do 15 de abril. Os puntos de venda onde se poderán adquirir son: Servinova, Novagaliciabanco,Ticketmaster, FNAC, Halcón Viajes, Carrefour.
A praza exterior da Cidade da Cultura acollerá o que será o único concerto en solitario que Björk ofrecerá na xira española de presentación do seu novo disco Biophilia, considerado pola crítica como un dos seus traballos máis ambiciosos. Deste xeito, o complexo do Gaiás estréase como escenario de grandes concertos internacionais de primeiro nivel coa actuación dunha das grandes referencias da música contemporánea dos últimos vinte anos.
Coñecida por ser unha artista que elixe con moito coidado os lugares onde dá as súas actuacións, Björk será un dos pratos fortes da programación que a Cidade da Cultura ten deseñada para este ano. Unha programación que pretende, por unha banda, abrir o Gaiás como espazo para a proxección dos artistas e creadores galegos, pero tamén como un lugar aberto ao mundo, onde os galegos podan gozar dos mellores artistas internacionais.
Os seus seguidores deberán estar atentos ás redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook: www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia e Twitter: @cidadedacultura), onde proximamente se levarán a cabo varios sorteos de entradas.