Duvi/ Pretende achegar o mundo empresarial aos futuros enxeñeiros e deixar patente que, pese aos tempos que corren, o mercado laboral segue demandando enxeñeiros. Este mércores inaugurouse no campus o XII Foro Tecnolóxico de Emprego coa presenza de 14 stands e preto de vinte empresas participantes. Organizado polas delegacións de alumnos das tres escolas de enxeñarías do campus, o Foro Tecnolóxico é toda unha oportunidade para que alumnado e recén titulados de Telecomunicación, Industrial e Minas teñan “máis preto” a oferta laboral das principais empresas dun sector que aínda está aberto a novas contratacións.
Tanto o reitor, Salustiano Mato, como Pablo Sánchez, coordinador do foro, destacaron a cita como o lugar ideal no que acadar as claves para poder mergullarse no mercado laboral. Durante a inauguración, na que estiveron acompañados polo concelleiro de Emprego, Santos Héctor, e os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industrial, Mato fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa “dos alumnos para os alumnos” e, nesta liña, salientou que compre, “sobre todo nun intre tan difícil como o actual”, valorar o esforzo do alumnado na organización do foro. “É a mellor maneira de dicirlle a cidadanía que na Universidade non nos vai a vencer nunca o desalento, por moita crise que exista”, engadiu. Tamén insistiu nesta idea o concelleiro de Emprego, que animou aos novos enxeñeiros a “sacar o mellor do voso inxenio para vencer as dificultades”.
Empresas optimistas
As empresas tamén son optimistas e a cada persoa que se achega aos seus stands tentan transmitirlle a idea de que, aínda que quizais con menor intensidade ca noutras épocas, segue habendo cabida para “novos talentos”. Así llo transmitía Reyes López- Cela, responsable de Recursos Humanos de Norvento a Manuel Gesto, estudante de Enxeñaría Industrial, que se achegou ao posto desta compañía enerxética para interesarse “polo perfil de xente que están a buscar”. Tivo sorte, pois López Cela explicoulle que “buscamos enxeñeiros industriais con capacidade, inquietudes e un perfil moi innovador”.
Perfil máis buscado: ‘teleco’ con elevado nivel de francés
Ao carón do stand de Norvento, firma que se estrea este ano no foro, está o da consultora Altia, un clásico desta cita “pois penso que non faltamos ningunha edición”, apuntou Gonzalo Sanmiguel, que atende o posto xunto ao seu compañeiro Roberto Pérez. Noutras edicións recolleron máis de cen currículos “que finalmente se materializaron en varios contratos”. Nesta ocasión acoden a este encontro na procura dun perfil moi concreto: “enxeñeiro de telecomunicación ou informático con alto nivel de francés”, subliña Pérez, que insiste en que os candidatos que cumpran estes requisitos “teñen moitísimas posibilidades de atopar traballo, non só na nosa empresa, senón na maior parte das deste sector”.