Galicia

Extinguidos catro lumes que arrasaron 270 hectáreas e activo outro, en Avión, que leva queimadas máis de 50

Segundo informa a Consellería de Medio Rural, ao mediodía deste sábado estaban extinguido os incendios que se declararon en Lousame-Toxosoutos, que arrasou 35 hectáreas, 25 delas de monte raso, Mesía-Xanceda, que acabou con 24,6 hectáreas, Entrimo- Venceáns, cunha extensión de 110 hectáreas, e Fornelos de Montes-Ventín, en Pontevedra, que acabou con máis de 100 hectáreas.

Nunha nota enviada aos medios de comunicación, a consellería indica que o lume de Lousame- Toxosoutos, quedou extinguido ás 08:30 horas. O mesmo iniciárase ás 22:50 horas de onte venres e, segundo as últimas estimacións provisionais, afectou a unha superficie de 35 hectáreas, 25 delas de monte raso. Na súa extinción traballaron 1 técnico, 4 axentes forestais, 4 brigadas, 4 motobombas e 1 pala.

Polo que se refire ao de Mesía-Xanceda, como o anterior na provincia de A Coruña, estaba apagado ás 22:20 horas deste venres logo de más de 7 horas de actividade de de afectar  a 24,6 hectáreas, todas elas de arborado. Na súa extinción traballaron 3 axentes forestais, 5 brigadas, 5 motobombas e 2 helicópteros.

Polo que atingue ao de Entrimo, na parroquia de Venceáns, en Ourense, estaba apagado pasadas as 12 da noite deste sábado. O mesmo comezara ás 14:35 horas de onte e afectou a 110 hectáreas, das cales 70 son de raso e as 40 restantes de arborado. Na súa extinción participaron 3 axentes forestais, 7 brigadas, 3 motobombas, 1 pala, 4 helicópteros, 4 avións e efectivos da Unidad Militar de Emergencias (UME).

No que respecta ao de Fornelos, estaba apagado preto das 10 da noite de onte, logo de máis de 19 horas activo e de queimar 60 hectáreas de arbolado e 40 de monte raso. Nas tarefas de extinción traballaron 2 técnicos, 3 axentes forestais, 4 brigadas, 5 motobombas, 2 palas, 3 avións, 2 helicópteros e efectivos da Unidad Militar de Emergencias (UME).

Arestora permanece activo un lume forestal no concello de Avión, parroquia de Abelenda. Iniciouse ás 22:25 horas de onte venres e afecta, segundo as primeiras estimacións provisionais, a unha superficie dunhas 50 hectáreas, a maioría delas de raso. Na súa extinción traballan 1 técnico, 6 axentes forestais, 11 brigadas, 8 motobombas e 1 pala.

 

También te puede interesar