Galicia

Unha alumna do IES do Castro, gañadora dunha das bolsas de estudos do Benjamin Franklin International School

Chámase Antía Fernández Fernández, e alumna do IES do Castro, en Vigo, e ven de acadar unha das dúas bolsas adxudicadas a España para participar no Instituto de Verán Benjamin Franklin 2012, programa impulsado pola Embaixada dos Estados Unidos en España para promover as relacións entre as novas xeracións de europeos, asiáticos e norteamericanos.

E non era doado xa que a convocatoria esixía un excelente coñecemento do inglés, así como excelencia académica, ou o que é o mesmo:  unha nota media mínima de ‘Notable’ no seu expediente académico. Seica non é casualidade, e non só polas excelentes notas de Antía, senon porque o IES do Castro, é un dos 144 desenvolve actuacións no marco do programa do Diploma da Organización do Bacharelato Internacional (IBO).

Antía participará nun programa intensivo enfocado nos asuntos globais aos que se enfronta a mocidade en ambos os dous lados do Atlántico. A experiencia desenvolverase nunha localidade norteamericana,  aínda por determinar, durante catro semanas en xuño-xullo de 2012, e reunirá aproximadamente a 45 estudantes de distintos países de Europa e Asia Central con 10 estudantes norteamericanos.

Durante a estadía, esta viguesa e os seus compañeiros traballarán nun proxecto conxunto no que explorarán como as mozas e mozos de hoxe interactúan cos medios de comunicación, tanto na súa faceta de consumidores como de produtores de información. Neste sentido afondarán no sentido da liberdade de expresión como un dereito e unha fonte de responsabilidades para a cidadanía. Ademais os beneficiarios da bolsa participarán en programas de apoio comunitario e voluntariado, viaxes de estudo, eventos culturais e seminarios, entre outros.

 

También te puede interesar