Deportes Vigo al minuto

O V Torneo Internacional Cadete 2012 “Coia, núcleo de Baloncesto”, xa ten campións

O pasado domingo día 8 de abril do 2012 o Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia organizou a xornada de categoría Cadete Masculina Serie “A” do 5º Torneo Internacional Cadete “Coia, Núcleo de Baloncesto en Vigo“, xornada na que o conxunto portugués do Desportivo de Leça se proclamou campión.

Os seis equipos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Masculina Serie “A” foron o Seis do Nadal Illas Cíes (Vigo), o Agustinos León (León), Básquet Coruña (A Coruña), Instituto Rosalía (Santiago de Compostela), Porriño Baloncesto Base (O Porriño) e Desportivo de Leça (Portugal).

Estes seis equipos divididos en dous grupos disputaron a fase de clasificación durante a mañá no Polideportivo Municipal de Balaídos. O Desportivo de Leça encabezou o seu Grupo “A”, seguido do Instituto Rosalía e Seis do Nadal Illas Cíes. No Grupo “B” o Básquet Coruña foi o primeiro equipo clasificado, sendo o segundo o Agustinos León, e o terceiro clasificado o Porriño Baloncesto Base.

Na fase final de cruces, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º postos o Seis do Nadal Illas Cíes lograba a vitoria ante o Porriño Baloncesto Base nun partido no que estivo por diante no marcador nos catro períodos do mesmo. No encontro pola 3ª e 4ª posición, disputado entre o grupo Instituto Rosalía e o Agustinos León, o equipo santiagués conseguía a vitoria por 80 a 76 nun igualado partido no que o Agustinos León loitou ata os últimos intres por adiantarse no marcador.

O partido final da Categoría Masculina Serie “A” do 5º Torneo Internacional Cadete 2012 emparexou ao Desportivo de Leça e ao Básquet Coruña. O equipo portugués levou a inciativa ao longo de todo o encontro chegando ao tempo de descanso cunha traballada vantaxe de 37-21. A segunda metade seguiu a tendencia dos dous primeiros períodos e o Básquet Coruña non foi capaz de parar o potencial do equipo luso, amosando o marcador un 66-45 final que proclamaba ao Desportivo de Leça novo campión do 5º Torneo Internacional Cadete 2012.

Torneo Feminino

Os seis equipos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Feminina foron os galegos Seis do Nadal Illas Cíes (Vigo), o Colexio Salesianos (Vigo), o C.B. O Meco (O Grove) e o Eduardo Blanco Amor (Ourense); o conxunto portugués Grupo Desportivo Gafanha; e o equipo asturiano C.B. Navia.

Os seis combinados participantes estiveron divididos en dous grupos que disputaron a fase de clasificación pola mañá. Os primeiros clasificados de cada grupo foron o C.B. Navia e o Grupo Desportivo Gafanha. As segundas prazas de cada grupo foron ocupadas por O Meco e Eduardo Blanco Amor, seguidos do Seis do Nadal Illas Cíes e Salesianos Vigo.

Na fase final de cruces, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º postos enfrontaronse os dous equipos vigueses, o Seis do Nadal Illas Cíes e o Salesianos, nun encontro no que foi necesario disputar o tempo da prórroga para coñecer ao equipo vencedor, que sería o Colexio Salesianos de Vigo despois de conseguir un parcial de 4-13 nos minutos finais.

Os equipos de O Meco e o Eduardo Blanco Amor disputaron o partido polo 3º e 4º postos. Na primeira metade parecía que o equipo de O Meco dominaba o encontro gañando os dous primeiros cuartos (44-39), pero no terceiro período do partido as xogadoras do Eduardo Blanco Amor conseguiron achegarse no marcador (54-52) para no último período darlle a volta ao resultado e impoñerse cun 65-72 final despois de encaixar un parcial de 11-20.

O equipo do GD Gafanha, campión feminino en cadete

A final de categoría feminina do 5º Torneo Internacional Cadete 2012 enfrontou ao equipo do C.B. Navia e ao Grupo Desportivo Gafanha, equipos que ocuparon os primeiros postos nas fases de clasificacións disputadas ao longo da mañá. O partido foi dominado en todo momento polo combinado portugués que chegaba ao descanso cunha cómoda vantaxe (21-46), vantaxe que se mantivo ata final do encontro ata chegar ao 52-78 final. Con este resultado o Grupo Desportivo Gafanha conseguía o título de campión da Serie Feminina da nova edición do Torneo Internacional Cadete.

O Marín Peixegalego fíxose co Campionato B masculino

Os seis conxuntos que competiron nesta xornada de categoría Cadete Masculina Serie “B” foron o equipo do club anfitrión Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro (Vigo); xunto ao GDG Basquetebol (Gafanha), o Marín Peixegalego (Marín), o Cluny San José (Santiago), COB Ourense (Ourense) e o conxunto asturiano Baloncesto Vegadeo.

Os equipos que quedaron clasificados na primeira posición dos grupos foron o Baloncesto Vegadeo e o Marín Peixegalego. No grupo “A” o segundo posto foi para o GDB Gafanha seguido do Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro na terceira posición; sendo o segundo clasificado do grupo “B” o COB Ourense e o terceiro clasificado o Cluny San José.

Na fase final de cruces, disputada pola tarde, no partido polo 5º e 6º postos enfrontaronse o Seis do Nadal Celso Emilio Ferreiro e o Cluny San José, concluíndo gañador do encontro o equipo do club anfitrión cun 57-45 final. O partido polo 3º e 4º posto disputado polo GDB Gafanha e o COB Ourense tivo que decidirse nos minutos finais da prórroga xa que o marcador chegou ao final do cuarto período cun 70 a 70. Foi no último minuto da prórroga onde o equipo ourensán conseguiu unha vantaxe de catro puntos que defendou ata o final do encontro (76-80), levándose así o terceiro posto do torneo.

O cruce final de categoría masculina Serie “B” do 5º Torneo Internacional Cadete 2012 enfrontou ao equipo de Baloncesto Vegadeo e ao Marín Peixegalego nunha igualada final que chegaba ao descanso cun 22-21 no electrónico a favor dos asturianos. No terceiro período o combinado da vila de Marín conseguía adiantarse no marcador cunha pequena vantaxe de tres puntos (36-39), vantaxe que os xogadores do Peixegalego conseguiron defender e aumentar ata o final do encontro (49 a 58), proclamándose campións da categoría masculina Serie “B” da nova edición do torneo.

 

 

También te puede interesar