Comarcas

Ponteareas móvese a ritmo de reggae

Durante este final de mes a Asociación Minho Reggae organiza no local A Regueifa dous concertos no seu afán por promover os ritmos xamaicanos e culturas adxacentes. Este fin de semana serán os Meninos Carentes, os encargados de pórlle son á tarde do domingo, a partir das 21.00 horas. O domingo seguinte á mesma hora, os Zamaramandi presentarán o seu novo ep que os levou a ser seleccionados como semifinalistas no Contest Ibérico, o concurso máis importante de Reggae de Europa, que se decidirá a mediados do mes de maio.

Roots, reggae, dub, nyahbinghi, funky, estes serán algúns dos ritmos dos que poderemos gozar nas próximas semanas en Ponteareas, grazas ao colectivo Minho Reggae, que continúa difundindo por Galicia e o Norte de Portugal, o reggae e as músicas e culturas que nos chegan da outra marxe do Atlántico. A banda viguesa Meninos Carentes faranos viaxar de Brasil a Xamaica, con temas cantados en galego portugués que beben dalgún dos grupos máis importantes da música brasileira: O Rappa, Ponto de Equilibrio, Gilberto Gil, Chico César, Natiruts ou Tin Maia.

Levan máis de catro anos riba dos escenarios presentando as súas músicas  reivindicativas, que nos falan dos problemas sociais, da corrupción, a pobreza e as inxustizas das favelas de Río de Xaneiro pero que se poderían trasladar a calquera punto da xeografía. Temas que fan bailar pero tamén reflexionar.

MENINOS CARENTES

O son da favela. Eles son Xoan Lois Vila, na voz, Javier Marcos, na guitarra rítmica e na voz, Javier Vicente, no baixo, Zeca Lois na guitarra solista, Jorge Méndez, na percusión xunto a Alfonso Eski Agulla e Rubén Crespo. Músicos moi coñecidos na provincia de Pontevedra, por levar anos participando en distintas bandas e proxectos musicais. Cun directo cheo de forza e enerxía, os Meninos Carentes, chegan por primeira vez a Ponteareas, logo de levar a súa música por boa parte de Galicia e o Norte de Portugal e antes de chegar á sala Siroco, en Madrid o próximo dez de maio, onde presentarán os seus temas. A Regueifa (R/ Amado Garra 15, Ponteareas) será a súa próxima parada, o domingo 15 de abril, a partir das 21.00 horas. O custe da entrada é de 3 €.

Cun novo estilo, nova formación e novos temas, a banda viguesa está a vivir un dos seus mellores momentos. Son a única banda galega que participará no concurso que organiza o Rototom Sunsplash, o festival de reggae máis importante de Europa. Os vigueses foron escollidos entre máis de cincuenta grupos de toda España e Portugal como un dos tres semifinalistas do Contest Ibérico. Antes de chegar a Barcelona, o próximo 12 de maio, onde se decidirá o gañador deste ano e o grupo revelación reggae máis importante de España e Portugal, os Zamaramandi están presentando os seus novos temas nunha minixira que arrancaba o pasado 5 de abril en Vigo e rematará en Madrid o dez de maio. A próxima cita será o domingo, 22 de abril, na Regueifa.

ZAMARAMANDI

Camiño de converterse no grupo revelación reggae 2012. Hai case ano e medio deronlle un xiro radical a súa carreira e tomaron o proxecto dende cero. Agora volven cun estilo máis maduro, cantando en inglés e achegándose ao jazz, pero sen esquecerse do roots, os sons africanos do reggae e mantendo a súa esencia con letras comprometidas que falan da vida e da música. Unha das bandas máis prometedoras de reggae en Galicia que conta nas súas filas con nove músicos con ampla formación e experiencia musical. Moitos anos dedicados á música, neste e noutros grupos, que lles valeu o  recoñecemento na escena galega. Eles son Xabier Rey, o vocalista da banda, Cibrán Rey encargado da batería e os coros, Jorge Méndez na percusión principal, Andrés Rodríguez, na voz e na percusión de man, Sergio García no baixo, Pedro Álvarez no Saxo, Adrián Blanco no órgano e teclados, David Gago na guitarra principal e Javier Vicente na guitarra rítmica.

Durante o pasado ano pecháronse nos Muu Estudio de Vigo para compor, traballar o son da banda e gravar os novos temas deste ep que presentarán en Ponteareas. Unha das poucas oportunidades que ten a comarca do Condado-Paradanta de escoitar reggae roots de calidade.

O concerto comezará a partir das 21.00 horas, na sala a Regueifa (R/ Amado Garra 15, Ponteareas). O custe do billete será de 5 € para o público en xeral. Os socios da  Asociación Minho Reggae poderán beneficiarse dunha tarifa reducida de 3 €.

 

También te puede interesar