Alberto Álvarez Lugrís//Adóitase dicir que os nativos dixitais se manexan no mundo tecnolóxico actual con total soltura porque naceron nel e é polo tanto o seu entorno natural, mentres que as persoas que pertencemos a xeracións máis vellas somos só emigrantes dixitais para os que a tecnoloxía é unha circunstancia sobrevida que nos provoca incomodidades cando non impotencia e parálise. Se cadra é certo que algunhas persoas de máis idade teñen máis dificultades para facerse co dominio das novas tecnoloxías, pero creo que tamén é patente que tanto os nativos coma os emigrantes carecemos de formación específica sobre como desenvolvernos e actuar na sociedade dixital. Como xa apuntei en «Información e coñecemento», o mundo dixital non é unha réplica do real, non é outra representación da realidade nin é unha dimensión máis do medio tanxible no que nos desenvolvemos as persoas. As súas dinámicas, dimensións e interrelacións son distintas e esíxenlles ós seus usuarios, ou mellor sería dicir habitantes, unha certa formación ou educación específicas para podérense desenvolver con normalidade, comodidade e eficacia.
Para comezar, o feito de non vermos a cara de quen temos enfronte (do outro lado da pantalla) condiciona inevitablemente a forma de comunicarnos e relacionarnos cos outros habitantes do mundo dixital porque nos obriga a prescindir dunha valiosa forma de comunicación como é a linguaxe non verbal, que nos intercambios in praesentia serve para complementar, matizar e afinar as nosas palabras. A expresión facial, os acenos e os movementos do nosos corpo cando falamos transmiten tanta información como a linguaxe verbal e de feito recorremos a eles para, economizando tempo e lingua, facer as nosas intervencións máis precisas pero non máis longas. Toda esta información non verbal engadida ou superposta á puramente verbal cando falamos, nos textos escrítos súplese con descricións, aclaracións, matizacións… Pensemos por exemplo nas novelas, nas que se describe verbalmente e con detalle o conxunto de linguaxes non verbais que empregan os personaxes. E nos tempos nos que a comunicación epistolar se escribía a man e en papel, dedicábamoslle todo o espazo que fose preciso á aclaración das nosas palabras.
A comunicación dixital, a priori máis doada, máis rápida e sen límites de espazo, non embargante semella non ter sitio para estas digresións. A velocidade do correo electrónico semella que sempre ten que ir unida á rapidez da escrita e da lectura, a unha brevidade paupérrima que é máis escaseza ca concisión. Esta insuficiencia nas comunicacións fai que os intercambios na rede sexan de cote fríos e anódinos, cando non directamente inefectivos; é dicir, exactamente o contrario do que debe ser unha comunicación eficaz. Cómpre lembrar aquí que as emoticonas naceron precisamente para tentar compensar esta falta de referentes non verbais.
Aprendermos a comunicarnos de xeito eficaz cos clientes, colegas de profesión e en xeral con calquera outra persoa no medio dixital é unha das habilidades que conforman a denominada competencia interpersoal da formación dos tradutores e intérpretes. Trátase dunha das denominadas competencias transversais, é dicir, non é específica desta profesión en concreto, senón común a todas, xa que todas implican un maior ou menor grao de contacto con clientes e colegas.
Unha comunicación eficaz comeza por indicarlle claramente ó noso interlocutor quen somos, o que hoxe en día significa que teñamos un enderezo de correo electrónico transparente, é dicir cun formato [email protected] ou semellante; ou que configuremos o noso programa de correo para que indique o noso nome completo antes do enderezo: Alberto Álvarez Lugrís <[email protected]>. Só deste xeito nos identificaremos eficazmente. Temos que ter en conta que ese correo no que lle enviamos ó noso cliente a tradución que nos encargou ou a nosa oferta para un traballo vai ser só un máis dos que van entrar na sua caixa de correo ou que se cadra non lembra ou non sabe que o vai recibir, polo que nos interesa moito que destaque a nosa identidade. Por outra parte, o que dende logo espera o noso cliente ou potencial cliente é recibir correspondencia de aspecto profesional.
Do mesmo xeito que nos identificamos nós debemos identificar tamén o motivo da nosa correspondencia. A liña de tema dos correos electrónicos está precisamente para iso. Deixala en branco ou sermos ambiguos pode determinar que o receptor non lle preste atención á mensaxe ou mesmo que a elimine un filtro antispam. “Presuposto solicitado”, “Tradución ó francés do documento X”, “Factura por servizos de interpretación”… Unha liña de tema clara e concisa non só nos identifica profesionalmente senón que axudará ó noso cliente a organizar mellor a súa correspondencia, algo que tamén nos agradecerá.
Acontéceme con moita frecuencia recibir correos que…..ler máis