Duvi/ A actividade docente desenvolverase o curso 2012/2013 na Universidade de Vigo entre o 3 de setembro e o 21 de decembro de 2012 e do 8 de xaneiro ao 7 de maio de 2013. Ao longo destes dous cuadrimestres terán lugar as clases e outras actividades presenciais, as probas de avaliación, o traballo autónomo do alumnado e as prácticas curriculares do vindeiro curso académico que comprenderá do 3 de setembro de 2012 ao 31 de xullo de 2013 e no que, como é habitual, o mes de agosto non será lectivo. O calendario que, como expuxo a secretaria xeral, Inma Valeije, recolle as suxestións de equipos decanais e representantes do alumnado, “permítenos acomodarnos ao calendario imposto por Boloña que impón que os procesos de aprendizaxe e avaliación continúa precisan dun calendario que minimice as interrupcións significativas ao tempo que facilita a harmonización cos calendarios europeos”. Pola súa banda o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, destacou de este novo modelo “a autonomía dos centros para organizar a actividade segundo as súas necesidades dentro do marco xeral establecido pola Universidade que virá marcado pola data de inicio e entrega final de actas”.
O calendario do vindeiro curso que introduce como principal novidade a finalización do primeiro cuadrimestre antes do Nadal, contempla, segundo explicou a secretaria xeral unha serie de vantaxes, entre as que destacou: a posibilidade de realizar os exames do primeiro cuadrimestres antes do Nadal; a liberación de función lectiva directa do mes de xuño, de xeito que o alumnado ten un mes para a preparación dos exames de xullo e a posibilidade de que no mes de outubro teña lugar a convocatoria extraordinaria de exames fin de carreira e os denominados exames de decembro, o que evitará solapamentos cos exames do primeiro cuadrimestre, pero que deixa aberta a posibilidade de que os exames poidan fixarse coincidindo co resto de convocatorias do curso.
Tanto Valeije como Barcia reiteraron o problema que un ano máis volverá a producirse co alumnado de primeiro curso que faga a selectividade en setembro e que se incorporará á Universidade co curso xa iniciado.